ALCALDÍA

O alcalde reivindica a figura de Valle-Inclán na ofrenda floral na súa honra

05/01/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, asistiron á tradicional ofrenda floral en Boisaca polo pasamento de Ramón María del Valle-Inclán, nesta ocasión cumpríndose 81 anos da súa morte. Á ofrenda asistiron tamén, entre outras personalidades, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o vicepresidente da Fundación Valle-Inclán, José Juan Durán, e o voceiro municipal do PP, Agustín Hernández.

Martiño Noriega quixo reivindicar a figura do escritor, xa que "Santiago non se entende sen o paso de Valle-Inclán" ao mesmo tempo que facía fincapé no seu discurso e na súa "capacidade de facernos sentir nese espazo de incomodidade que é aínda máis necesario nestes tempos que corren". O alcalde lembrou a proxección internacional da súa figura "nunha cidade como Roma, onde estivemos o conselleiro e eu hai uns meses e onde Valle-Inclán está continuamente presente".

Pola súa banda, Román Rodríguez sinalou que "se trata dun acto humilde, pero moi simbólico, que amosa a importancia da cultura para tender pontes entre os pobos".

Compartir: