CASCO HISTÓRICO

A Comisión Asesora do Casco Histórico aprobou a restauración da Capela Xeral das Ánimas

21/12/2006 Tamén obtiveron o visto e prace as obras de restauración do convento das Mercedarias e o Plan director da Casa do Cabildo na Praza de Praterías.

Na xuntanza que mantiveron esta tarde os membros da Comisión Asesora da Cidade Histórica aprobáronse as obras de restauración da Capela Xeral das Ánimas. O proxecto contempla a realización de diversas obras puntuais como a limpeza e rexuntado da sillería de granito, a reparación do tellado, a intervención nas carpinterías da nave e o tratamento do piso de madeira do coro. As obras estenderanse tamén ao patio exterior coa substitución do enlousado de pedra actual. En total, os custes da rehabilitación da capela ascenden a 21.721,96 euros.

O convento das Mercedarias será tamén obxecto dunha restauración que se centrará en resolver as humidades da igrexa e a sancristía e as provocadas polas gárgolas da fachada nas paredes do convento. As obras importan un total de 72.425,89 euros.

Ademais aprobouse o Plan director da Casa do Cabildo na Praza de Praterías e as obras de acondicionamento provisional da Nave da Horta do convento de San Martiño Pinario para convertela nun taller-obradoiro de pedra.

Por último, aprobáronse tamén a acomodación parcial da cuberta de hotel na rúa Hortas, número 30, e o anteproxecto de rehabilitación dunha vivenda unifamiliar na rúa Calzada de Sar, número 50.

Segundo a concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, a aprobación destes proxectos de execución inmediata pon de manifesto que o Concello continúa traballando a bo ritmo na rehabilitación, tanto no que se refire a zonas e edificios emblemáticos da cidade como á restauración de vivendas particulares.

Compartir: