NADAL

O Mercado de Nadal abrirá por última vez no Día de Reis

05/01/2018 A programación de Nadal de Compostela achégase ao seu fin coa última xornada da meirande parte das súas actividades. O Mercado de Nadal e o Bosque de Libredón conclúen mañá a súa actividade. Tamén será a derradeira ocasión para gozar da iluminación especial das esculturas da Alameda.

Unha vez abertos os regalos, as compostelás e composteláns poderán aproveitar para gozar por última vez do Mercado de Nadal, que este sábado abrirá as portas en horario especial de 18:00 a 21:00 horas. Pola mañá estará pechado.

O Mercado de produtos de Nadal é un lugar onde se poden atopar pezas de decoración, repostería e obxectos do enxoval para estas festas, así como unha fantástica representación da nosa artesanía. Ademais, namentres se descobre o mellor das nosas e dos nosos artesáns, pódese tomar un delicioso chocolate quente acompañado duns churriños.

Última xornada tamén para achegarase á recreación do Bosque Libredón na praza do Obradoiro. A lenda conta que vivía o eremita Paio, quen deu aviso ao bispo Teodomiro dunhas luces no cumio dun montículo próximo e levou ao descubrimento da tumba do Apóstolo.

Dende o Obradoiro podémonos achegar tamén á Alameda, onde a iluminación de felicitación de Nadal das Marías, Valle-Inclán, A Leiteira e Rosalía de Castro se acenderá por última vez.

Pola súa banda, a exposición De tendas: o comercio, emblema dunha cidade pechará mañá sábado. Esta exposición fotográfica, situada na Sede Afundación, achéganos aos espazos seleccionados en 2017 como comercios emblemáticos da cidade de Santiago de Compostela polos membros da Mesa de Comercio. O horario de acceso ao público é de luns a domingos, de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. A entrada é de balde.

Con todo, actividades como a pista de xeo do Paseo da Alameda manterán o seu horario de apertura habitual ata o 28 de xaneiro.

Direccións relacionadas



Compartir: