XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno acorda reclamar xudicialmente a nulidade da hipoteca da entreplanta municipal de Xeneral Pardiñas

05/01/2018 Xan Duro, concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia e secretario da Xunta de Goberno Local, deu conta dos asuntos tratados nesta, na súa sesión ordinaria dos venres. Así, deu conta do acordo para o inicio de dúas reclamacións xudiciais relacionadas coa entreplanta municipal de Xeneral Pardiñas.

A primeira reclamación está relacionada coa petición de nulidade da hipoteca subscrita en 2008 polo Banco Popular sobre o devandito inmoble. "A permuta que se fixo en 2005 deste local por outro en San Lázaro converteu este inmoble nun ben demanial e, polo tanto, non pode estar afectado por ningunha carga", explicou Xan Duro. Por iso se solicitou iniciar os trámites para que a hipoteca sexa declarada nula de pleno dereito. En palabras do edil, terase que aclarar en sede xudicial se houbo mala fe da empresa Bros e do banco ao asinar a hipoteca ou se o que aconteceu foi un erro de bulto".

Execución do aval
A Xunta de Goberno aprobou tamén que o Banco Popular lle aboe ao Concello de Santiago o importe de 123.449,40 euros en concepto de indemnización por danos e perdas ocasionadas ata o 31 de decembro do ano pasado por incumprir as obrigas relacionadas con ese contrato de permuta asinado en 2005. "Nese contrato -aclarou Xan Duro- establecíase que o Concello debía recibir o inmoble libre de cargas", circunstancia que non se respectou. Por mor disto, o Concello reclama agora que se aboe esta cantidade en concepto de execución de aval.

Convenios
Ademais, na sesión deste venres deuse conta da sinatura de dous convenios, un coa Deputación para financiar o sostemento do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche e outro coa Asociación de Antigos Alumnos da USC e a FINSA para a rotulación de especies singulares na Alameda. Indicou Xan Duro que "a empresa achega deseños propios feitos en pino que servirán para sinalar as árbores máis senlleiras da Alameda". Na rotulación, ademais do texto, haberá un código QR e unha transcrición en braille.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: