NADAL

Última oportunidade para visitar o Belén de San Fiz e a mostra "Pasearte"

04/01/2018 A Cabalgata de Reis de Compostela é, sen dúbida, a gran protagonista da programación de Nadal na xornada do venres 5 de xaneiro. Por outra banda, o Belén de San Fiz abre as súas portas por derradeira vez, e tamén chega ao seu fin a mostra Pasearte.

O ano 2018 foi proclamado Ano Europeo do Patrimonio Cultural, por iso, a Cabalgata de Reis que inaugurará o 2018 compostelán estará inspirada nos contos e lendas e nas personaxes que as habitan, elementos fundamentais do noso patrimonio inmaterial.

A partir das 17:30 horas, desfilarán polas rúas de Compostela a Maruxaina, a cerva Aldara, os nubeiros, as avelaíñas, os biosbardos, as fadas, as mouras e os faunos. Estes seres acompañarán os Reis Magos ata a praza do Obradoiro para encher de ilusión esta noite máxica.

Os asistentes atoparán mares cheos de peixes e fragas encantadas, paisaxes que axudarán a recrear unha estética marabillosa chea de luz e cor, que se irá intercalando coas maxestosas carrozas reais.

Tampouco faltarán nin a música nin a danza, outros dous elementos fundamentais dentro do patrimonio inmaterial. Non podemos esquecer os vistosos bailes nin as coñecidas panxoliñas tradicionais galegas tan propias destas datas, que farán cantar e bailar a todas as familias que se acerquen a recibir os Reis á súa chegada a Santiago de Compostela.

Como peche, haberá un espectáculo aéreo á chegada dos Reis Magos á Praza do Obradoiro. Os Magos recibirán ás nenas e nenos de Compostela no Pazo de Raxoi.

Belén de San Fiz
O Belén situado na igrexa de San Fiz de Solovio abre por última vez as súas portas mañá, en horario de 11:00 a 21:00 horas. Quen aínda non se achegará poderá ver máis de 200 figuras de barro e lenzo pintado, todas feitas á man, situadas nun nacemento con diferentes escenas, pezas en movemento e, inclusive, iluminación. A visita conta co atractivo de poder coñecer a igrexa de San Fiz, habitualmente pechada ao público, polo que a exhibición do Belén brinda unha ocasión inmellorable para visitala.

Pasearte
Os escaparates do Ensanche de Compostela exhibiron durante estas festas creacións de diferentes disciplinas (pintura, escultura, fotografía
e instalacións). Unha mostra que recibiu o nome de Pasearte e na que participan artistas locais, nacionais e internacionais, representadas e representados polas galerías Trinta, Metro, Luisa Pita e Federica no era tonta. Mañá remata esta mostra, na que tamén se desenvolveron diferentes obradoiros e visitas guiadas.

Direccións relacionadas



Compartir: