POLÍTICAS SOCIAIS

Cinco entidades da cidade traballan a diversidade a través da radio comunitaria

04/01/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou esta mañá os detalles do proxecto de radio comunitaria posto en marcha polo Concello a través da UMAD. Na rolda estivo acompañada de Ramón Molina, educador social e promotor do programa, así como por integrantes de Down Compostela e do IES Eduardo Pondal, participantes no proxecto.

Tal e como explicou a concelleira de Políticas Sociais, "o proxecto conta coa participación de cinco entidades: IES Eduardo Pondal, Down Compostela, Casa Familia Dignidade, CSC de Conxo e CEIP Quiroga Palacios. Cada entidade desenvolve individual ou conxuntamente un programa radiofónico centrado naqueles eixos temáticos que son do seu interese e que teñan unha perspectiva comunitaria". Algúns dos temas elixidos pasan pola atención á diversidade, o barrio, a actividade cultural e social, as inquedanzas xuvenís ou a educación.

Concha Fernández sinalou que "o proxecto de radio comunitaria se iniciou no mes de outubro", estando a día de hoxe en fase de elaboración dos contidos radiofónicos. A finais do mes pasado iniciouse a gravación dos diferentes programas podendo, a partir de aí, compartir os podcast e o resultado final. Os participantes usaron a radio como unha ferramenta máis da educación en valores.

Alianza pola diversidade
Alianza pola diversidade o nome que recibe este proxecto, que nace do interese da rede comunitaria do barrio para "crear consciencia de barrio e valores comunitarios". Ramón Molina, da Asociación Arelar, é o responsable do proxecto e explicou que "cada entidade xerou a súa propia liña de traballo con temas vencellados á inclusión social dende diferentes puntos de vista como o sexual, a loita contra o machismo ou as discriminacións no eido educativo".

Pola súa banda, Alba Muiños, da Fundación Down Compostela, amosouse moi contenta por poder participar desta experiencia, porque "iamos cada xoves facer o programa e tamén saímos á rúa a entrevistar á xente". Ela traballou conxuntamente con alumnos e alumnas do IES Eduardo Pondal como Adrián Jiménez, quen asegurou fundamental este tipo de proxectos para "traballar aspectos relacionados coa diversidade ao mesmo tempo que se loita contra a discriminación nos institutos".

Toda a documentación e resultados da actividade está dispoñible na web www.compostelaintegra.org.

Compartir: