ACCIÓN CULTURAL E CONVIVENCIA

Os Reis Magos chegan á Estación do Tren ás 17:25 h e percorrerán as principais rúas de Compostela

04/01/2018 Os concelleiros de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e de Convivencia, Xan Duro, deron conta esta mañá dos detalles da Cabalgata de Reis, que percorrerá durante a tarde de mañá venres as rúas de Compostela. Nesta edición, o tema principal é "A maxia das lendas" e na comitiva participarán unhas 450 persoas.

Branca Novoneyra explicou que "a cabalgata deste ano apostará, como vén sendo habitual, pola participación dos veciños e veciñas", como paxes reais e acompañantes das carrozas no tren. Ademais, será unha cabalgata inclusiva, coa participación da Fundación Down baixo o lema "Son capaz". Este ano, en tres días cubríronse todas as prazas dispoñibles nos combos e nos trens turísticos (120). O 22 de xaneiro realizouse o sorteo dos paxes, no que nove nenas e nenos resultaron agraciados coa sorte de acompañar aos Reis Magos.

"A maxia das lendas" será o fío condutor desta edición, que contará con trasgos, fadas e mouras para contribuír a crear o ambiente máxico na nosa cidade con lendas da nosa cultura e mitoloxía. A encargada será a compañía Alehop, que acompañará a comitiva real ata a praza do Obradoiro.

Unha vez alí chegará a vez da compañía Pablo Méndez, que realizará un espectáculo con música, danzas e acrobacias aéreas.

Percorrido
Os Reis Magos chegarán ás 17:25 horas á estación do tren, onde serán recibidos polos paxes e o resto da comitiva real antes de iniciar, ás 18:00 horas, o seu percorrido polas principais rúas do Ensanche de Compostela: Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez e praza do Obradoiro, a onde está prevista a chegada ás 19:30 horas. Alí serán recibidos polo alcalde e a Corporación ao son da música da Banda Municipal. A continuación escoitaremos o discurso real e veremos un espectáculo aéreo de gran beleza, para despois comezar a recepción real a todos os nenos e nenas que o desexen.

Este ano haberá sete carrozas realizando a cabalgata, dúas máis que o ano pasado: as tres dos Reis Magos, que estarán acompañados polos paxes e polos heraldos reais; a do Carteiro Real; a carroza da Serea Maruxaina; a carroza "Natureza máxica" e unha nova incorporación, a carroza que traerá os carbóns para aquelas persoas que terán o deber de mellorar o próximo ano.

Desfilarán 25 combos artísticos de diferentes temáticas, entre os cales atoparemos zancudos, espectáculos de pompas, danza, música, teatro ou circo. A participación aproximada deste ano será de 450 persoas,das que 200 son voluntarias.

Outra das peculiaridades desta cabalgata é elaboración de música orixinal para o inicio e remate da cabalgata feita polo artista Pulpiño Viascón. Repartiranse 2.000 quilogramos de caramelos sen glute e aptos para alérxicos ao longo do percorrido.

Ano Europeo do Patrimonio
Neste 2018 celébrase o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, unha cita que non pasa desapercibida para a nosa cidade. Por iso, "quixemos que esta celebración estivese presente na cabalgata", tal e como destacou a concelleira de Acción Cultural. Botarase man do patrimonio inmaterial para mostrar un espectáculo no que teñan cabida as lendas e os contos mitolóxicos, asentados no noso imaxinario grazas á oralidade das nosas devanceiras e devanceiros.

Medidas de seguridade
Pola súa banda, Xan Duro explicou as medidas de seguridade previstas para que a cabalgata se desenvolva con total normalidade. O concelleiro de Convivencia apostou por "unha cabalgata segura" e recomendou a todos os veciños e veciñas que "non usen sprays de neve e de serpentinas que impiden a visión dos vehículos e poñen en perigo a seguridade da comitiva, así como do público asistente"

Estas substancias quedan adheridas aos cristais e espellos dos vehículos, sen posibilidade de retiralos co uso dos limpaparabrisas e limitando drasticamente a visibilidade dos condutores. Ademais da evidente situación de perigo que isto supón, tamén se xeran condicións de traballo moi complicadas.

Por todo isto, incidiu Xan Duro, "o Concello pon en marcha unha campaña de sensibilización de cara ao evento, baixo o lema "Por unha cabalgata segura", que se promoveu nas redes sociais no período de Nadal e que virá acompañada do reparto de mensaxes informativas para concienciar a nenos/as e maiores sobre os efectos nocivos dos sprays. "Evitándoos coidamos o medio ambiente e xeramos unha mellor convivencia e seguridade, garantindo que participantes e público poidan gozar con totais garantías da maxia do evento", indicou.

Finalmente, Xan Duro explicou tamén os cortes de tráfico do día 5, fundamentais para garantir o bo funcionamento da Cabalgata. Así, a partir das 14:00 horas queda prohibido o estacionamento na explanada da Estación de Ferrocarril e, a partir das 15:00 horas, nas rúas Santiago de Chile (tramo comprendido entre A Rosa e Frei Rosendo Salvado), Frei Rosendo Salvado (tramo entre Santiago de Chile e praza Roxa), República do Salvador e Hórreo (tramo que vai dende República do Salvador ata a praza de Galicia).

Direccións relacionadas



Compartir: