NADAL

Derradeira oportunidade para gozar dalgunhas das actividades destacadas da programación de Nadal

03/01/2018 O Carrusel do Obradoiro abre as súas portas por derradeira vez mañá xoves, 4 de xaneiro. Nesta xornada tamén terá lugar o segundo e último Paseo Scórpio. Música e o Espazo Creativo do Mercado de Nadal completan a oferta do día.

A programación de Nadal de Compostela achégase ao seu final coas últimas ocasións para gozar de actividades e citas destacadas. O Carrusel situado na praza Obradoiro terá mañá a súa derradeira xornada de apertura. Trátase dun carrusel de cabaliños de 10 metros de diámetro dirixido aos pequechos e pequechas da casa. Aqueles que queiran achegarse poden facelo en horario 17:00 a 21:00 horas. O acceso é de balde.

Música na rúa
Neste Nadal, a música na rúa foi unha das grandes protagonistas. Mañá haberá outra ocasión para gozar con Fondos do Pífaro, grupo de percusión tradicional ao modo das treboadas do Baixo Miño e das formacións de bombos do centro de Portugal. Doce instrumentos de percusión acompañan as ancestrais melodías co pífaro de cana ou coa recentemente recuperada gaita de barquín, segundo se trate de melodías dunha ou doutra beira do río Miño. Esta é unha actividade de acceso libre enfocada a todos os públicos.

Espazo Creativo do Mercado de Nadal
O Mercado de Nadal volve abrir o seu Espazo Creativo con actividades e obradoiros para todas as idades impartidos polos propios artesáns e artesás. Haberá sesión só de tarde de 18:00 a 21:00 horas. Os interesados poden consultar a programación en mercadonadal.com.

Paseo Scórpio de Carvalho Calero en Compostela
Os amantes da literatura teñen neste roteiro unha das alternativas más atractivas da programación de Nadal. Con saída na casa natal do escritor, en Carreira do Conde, 4, este paseo rende homenaxe á novela Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero, no 30 aniversario da súa publicación. Os asistentes percorrerán espazos da cidade relacionados tanto co autor coma coa obra e o seu tempo. Esta é unha actividade dirixida a público adulto, con inscrición previa e de balde en: paseos.compostela@maos.gal. A saída será ás 20:00 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: