ALCALDÍA

O alcalde reivindica o enlace orbital como elemento clave para garantir a conectividade norte da cidade

03/01/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acudiu esta mañá ao acto de posta en marcha da ampliación da AP-9 no tramo "Santiago Norte- Santiago Sur", que inclúe tamén a inauguración dun ramal que conectará a AP-9 coa autovía a Lavacolla en sentido saída (dirección A Coruña).

Para Martiño Noriega, esta infraestrutura "é importante en clave de cidade sempre e cando teña continuidade coas conexións norte da cidade, o coñecido como enlace orbital". O rexedor entende fundamental que se acometan as obras que permitan conectar a AP-9 co Polígono da Sionlla, coa N-550 e coa A-54 (autovía de Lavacolla) nos dous sentidos de circulación.

En declaracións aos medios, Martiño Noriega asegurou que "estaremos vixiantes para que se cumpra cunha demanda histórica da cidade" e reiterou que "de nada vale aumentar a capacidade da autopista se non se aumentan as conexións". O alcalde espera poder coñecer o proxecto global do orbital en breve para saber o alcance do mesmo xa que "semella, polas cantidades das que fala o Goberno central, que non está garantida algunha fase, como pode ser a conexión coa N-550", que de ser certo, non deixará de ser unha demanda innegociable do Goberno local para ser executado posteriormente polo Executivo central.

Outros compromisos
Martiño Noriega aproveitou a presenza do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, para lembrarlles os compromisos que o Goberno central ten coa cidade de Santiago no relativo, non só ao enlace orbital, senón tamén á humanización en superficie da rotonda de Conxo e á conectividade do barrio. Na súa intervención, Mariano Rajoy comprometeu a realización de ambas actuacións.

Compartir: