COMERCIO

Xoguetes, xoiería de autor en prata, téxtil e doces artesáns, entre a oferta do Mercado de Nadal na derradeira quenda

03/01/2018 O Mercado de Nadal renovou o pasado 1 de xaneiro os seus expositores. Quince novas propostas procedentes de Santiago e concellos limítrofes, así como de Mos, Cambre, Bueu, Pontevedra, Vigo, A Coruña, Ordes e Oleiros. Trátase da sexta e derradeira quenda, que estará no Mercado ata o 6 de xaneiro.

Ofrécense produtos artesáns de prata (xoia de autor), coiro, téxtil, xoguetes feitos a man, lá, bixutería, doces artesáns (marmeladas, docería creativa en chocolate) ou iluminación. A oferta inclúe actividades variadas e obradoiros realizados por artesáns e artesás, que se desenvolven no Espazo Creativo. O Mercado permanecerá aberto todos os días de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:30 h, agás o día 6 de xaneiro, día de Reis, que abrirá de 18:00 a 21:30 h.

Traslado á praza Roxa
Haberá actividades os días 3 e 4 de xaneiro pola tarde que, por mor da choiva, trasládanse á carpa instalada na praza Roxa cos mesmos horarios.

Hoxe mércores, 3 xaneiro, haberá dúas sesións (ás 13:00 e 17:00 h) coa actuación de Dani García (Don Gelati): Nun brillante día de sol chega á praza da vila un vendedor de xeados co seu carriño e con moitas ganas de sacarlles un sorriso aos veciños e veciñas. Mais o pobre Don Gelati sufrirá todo tipo de imprevistos e infortunios co seu carro, que terá que arranxar con enxeño e con non pouca maxia antes de que os seus xeados se derretan.

Finalmente, o xoves 4 de xaneiro tamén teremos dúas sesións (17:00 e 19:00 h), coa actuación musical de Fondos do Pífaro, un grupo de percusións tradicionais ao modo das treboadas do Baixo Miño e das formacións de bombos da rexión centro de Portugal. Doce instrumentos de percusión que se fan acompañar das ancestrais melodías do pífaro de caña ou da recentemente resucitada gaita de barquín, segundo se trate de melodías dunha ou outra beira do Miño.

Cartas aos Magos do Nadal
Aos Magos do Nadal gústalles visitar unha terra coma a nosa, tan chea de cores. Gústanlles as cores porque axudan a expresar emocións. Por iso, este ano queren que as nenas e nenos que lles escriban para pedir agasallos lles boten unha man para poñerlle cor ás linguas do mundo.

A encomenda consiste en explicar de que cor queremos a nosa lingua, o galego, e os motivos da escolla. Por suposto, vale ilustralos con debuxos e con toda a imaxinación que queiramos.

Prometen contestar cun galano a quen lles mande a carta en galego, con enderezo completo e teléfono, a través das sacas do Correo do Nadal. Ademais, as tres cartas máis fermosas terán unha sorpresa!

Este mércores éo último día para facer a entrega destas cartas nos centros socioculturais de Compostela. Tamén se poderán depositar na Casa do Concello.

Último paseo nocturno
Tamén este mércores terá lugar, ás 20:00 h, o último paseo nocturno de Nadal en Compostela. Son paseos que relacionan o ciclo do Nadal con Compostela e Galicia. Visítanse espazos relacionados cos ritos típicos, os cantos e a gastronomía desta festividade, tanto no pasado coma na súa transformación ao longo do tempo e no presente. Unha oportunidade única para coñecer as tradicións máis senlleiras destas datas. A actividade é de balde e pódese participar nela previa inscrición en paseos.compostela@maos.gal.

Compartir: