CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu tradicional concerto da noite de Reis baixo a batuta do director francés Diego Masson

04/01/2018 A Real Filharmonía de Galicia celebra, como cada ano por estas datas, o seu tradicional concerto da noite de Reis. A cita será este venres, 5 de xaneiro, ás 21:30 horas no Auditorio de Galicia. O ensaio xeral, que terá lugar o propio venres ás 11:00 horas, estará aberto ao público, que poderá asistir de forma gratuíta.

A batuta levaraa o mestre francés Diego Masson. Tras alcanzar un grande éxito como director musical da Ópera de Marsella na década dos 70 do pasado século, iniciou unha magnífica carreira internacional como director que o levou aos principais centros musicais de Europa, Asia e Oceanía. Ademais de a grandes orquestras, dirixe con frecuencia as máis destacadas formacións de música contemporánea en distintas partes do mundo.

Neste concerto contarase coa colaboración como concertino de Teimuraz Janikashvili, principal violinista da Orquestra Simfònica del Vallès.

Cos composteláns Xabi Casal e Isabel Pérez
A actuación, cun marcado aire francés, arrancará coa obra Concertino da camera para saxofón alto e orquestra, do compositor Jacques Ibert (1890-1962). Interpretaraa o saxofonista compostelán Xabi Casal. Realizou os seus estudios superiores no Conservatorio Superior de Música de Castela e León y posteriormente especializouse na cidade francesa de Burdeos. Logo realizou un Máster na Universidade de Música de Colonia (Alemaña), ao tempo que se formou en piano e en dirección de orquestra. Gañou varios certames nacionais e internacionais para o seu instrumento. Conta cunha longa traxectoria de concertos en España, Francia, Italia, Suíza, Austria, Alemaña, Reino Unido e China. Na actualidade reside en Maastricht (Holanda), onde compaxina a súa actividade concertística con estudios de ampliación en música de cámara e co seu labor como profesor de saxofón no United World College de Maastricht.

A continuación, o público terá a oportunidade de escoitar a obra Variacións sinfónicas, de César Franck (1822-1890). Interpretaraa a pianista compostelá Isabel Pérez Dobarro, quen con tan solo 25 anos desenvolve a súa carreira artística en Estados Unidos, España, Rusia, Bélxica, Italia e Portugal. Actuou en salas tan prestixiosas como o Carnegie Hall de Nova York ou o Conservatorio Tchaikovsky de Moscú. Recibiu numerosos premios en certames internacionais. Impartido clases maxistrais no New York University Undergraduate Collegium; e conferencias no Nobel Peace Prize Forum, na Asemblea Xeral de Nacións Unidas, no Parlamento Europeo dentro do European Arts Forum; nas Universidades de Michigan, Vechta (Alemaña) e Columbia; ademais de no Carnegie Hall e no Vaticano. Está realizando o seu doutorado na Universidade de Nova York, onde impartiu clases dende os 19 anos como instrutora adxunta. Previamente estudou na Escola de Música de Manhattan e obtivo o Grao Superior de Piano no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, onde recibiu o Premio de Fin de Carreira con 18 anos.

O concerto da noite de Reis concluirá coa Sinfonía nº 1 de Georges Bizet (1838-1875), un dos primeiros traballos do compositor francés, que escribiu cando tan só contaba 17 anos de idade e que logrou finalizar en a penas un mes. A peza xamais foi executada en vida do autor, anque na actualidade forma parte do repertorio Romántico habitual.

Compartir: