EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Última semana do Programa Municipal de Conciliación de Nadal

02/01/2018 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, visitou esta mañá as actividades do Programa Municipal de Conciliación de Nadal, que se celebra dende o mes de decembro no CEIP das Fontiñas.

Nesta ocasión foron case 30 os nenos e nenas apuntados a un programa que, por motivos de matrícula, tan só se celebrou no Colexio das Fontiñas. O programa celebrouse os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro e continúa os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro.

Manuel Dios agradeceu o traballo do monitorado e lembrou que "no Nadal, a demanda é menor porque hai menos días de vacacións e unha maior oferta na cidade, tanto pública como privada". Aínda así, o concelleiro lembrou que o programa municipal que oferta o Concello "é o único con servizo de comedor escolar, que utilizan nesta ocasión un total de 9 nenos e nenas". Para o edil de Educación e Cidadanía, "este tipo de recursos son fundamentais para facilitar a conciliación das familias en períodos de vacacións".

A viaxe do Nadal
A viaxe do Nadal é o eixo temático que vertebra as actividades deste programa, no que os participantes poden coñecer as tradicións de Nadal dos distintos países, favorecendo un enfoque intercultural e de fomento dos valores da igualdade, respecto, tolerancia ou educación para a paz.

Manuel Dios explicou que "ofertamos contidos de carácter lúdico e de lecer que permitan distinguir a actividade reglada que teñen ao longo do curso e o que fan días coma hoxe". De feito, os nenos e nenas están a traballar tradicións de Nadal por todo o mundo, o que permite "avanzar na educación pola paz e en valores cívicos e democráticos".

O programa de conciliación de Nadal estará operativo ata o vindeiro venres 5 de xaneiro.

Compartir: