IGUALDADE

Minuto de silencio polo asasinato de Diana Quer

02/01/2018 A praza do Obradoiro acolleu un minuto de silencio para condenar o último asasinato machista, o de Diana Quer, cuxo corpo foi localizado este pasado domingo en Rianxo.

O alcalde, Martiño Noriega; outros membros da Corporación e traballadores/as municipais participaron neste acto, no que se gardou un minuto de silencio en recordo da muller asasinada. Volveu así darse cumprimento á moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación do 7 de setembro de 2015, que fixa accións de dó e solidariedade por cada asasinato machista.

Ademais, o Concello de Santiago súmase ás concentracións en repulsa contra a violencia machista convocadas pola Plataforma Feminista Galega para este martes ás 20:00 horas. No caso de Compostela, a concentración será unha vez máis na praza do 8 de Marzo.

A violencia de xénero é a expresión máis extrema da desigualdade social que sofren as mulleres, e estes asasinatos prodúcense porque a violencia segue sendo utilizada como un mecanismo de control e dominación das mulleres. O Goberno municipal e o conxunto da Corporación condenan firmemente a violencia de xénero, e queren amosar a súa máxima solidariedade coas familias de todas as mulleres asasinadas.

Compartir: