TURISMO

Turismo de Santiago aposta por novos produtos e por unha intensa promoción no 2007

21/12/2006 O concelleiro de Turismo, Francisco Candela, presentou en rolda de prensa as liñas que definirán o traballo turístico da capital galega o vindeiro ano. Nelas destaca a creación dun gran foro gastronómico anual que converterá a Santiago na capital da cociña atlántica; a mellora da accesibilidade ao patrimonio relixioso e a asistencia a preto de medio centenar de feiras e presentacións.

As actuacións turísticas de Santiago de Compostela no 2007 parten das estratexias recollidas en dous plans mestres, o ‘Plan de Calidade e Competitividade Turística’, centrado na creación de produtos para mellorar a oferta; e o ‘Plan de Marketing Turístico’, que guiará as accións de promoción exterior da cidade.

Esa combinación de factores –a creación dunha oferta de calidade e a súa correcta promoción- ‘debería consolidar o próximo ano o lugar privilexiado que ocupa Santiago de Compostela como destino turístico nos mercados nacionais e internacionais’, sinalou o concelleiro de Turismo, Francisco Candela.

O ‘Plan de Calidade e Competitividade’ é unha iniciativa de Turismo de Santiago, con duración ata o 2009, que busca diversificar a oferta da cidade e mellorar a calidade dos produtos turísticos, para o que conta coa cofinanciación do Consorcio de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.

O plan estabelece que, ademais da promoción do turismo urbano, cultural, de congresos e relixioso, Turismo de Santiago realizará no 2007 unha ambiciosa aposta polo turismo gastronómico.

Un gran evento da cociña atlántica

‘A idea é aproveitar o valor da gastronomía galega e a oferta culinaria da cidade e convertelas nun produto innovador que consolide a Santiago como o destino enogastronómico por excelencia da gran rexión euroatlántica’, indicou Candela.

O plan pretende transformar o que ata agora son recursos en verdadeiros produtos turísticos, con dous proxectos complementarios: unha marca forte e duradeira e un evento anual que faga de Santiago un lugar de encontro gastronómico.

Este gran evento, que se celebrará en temporada baixa, contará cun mercado de productos enogastronómicos, un espazo de degustación de pratos ofrecidos polos restaurantes máis significativos, unha sala de catas e un escenario equipado para a realización de espectáculos gastronómicos.

Arquitectura contemporánea e turismo relixioso

En materia de turismo cultural, a empresa municipal baseará a imaxe de Santiago na diferenciación, a través da singular combinación de arquitectura histórica e contemporánea, a promoción do calendario de grandes exposicións, unha nova ruta por museos e galerías de arte e a creación dun mercadillo de arte biestacional ou anual nun espazo público emblemático.

O turismo relixioso, pola súa parte, será atendido a través do programa ‘Domus Dei’, en colaboración co Consorcio de Santiago. Trala apertura dos conventos de clausura nunha visita guiada consolidada no 2006, a empresa municipal de turismo pretende agora seguir traballando na sinalización de máis de 30 monumentos relixiosos, ampliar os horarios de apertura, crear itinerarios libres e guiados e publicar máis folletos específicos.

Outras actuacións prevén a mellora do transporte turístico, a ampliación das excursións de Compostela Visión, o reforzo do traballo estatístico do Observatorio Turístico, a continuación do desenvolvemento do SICTED, o sistema de calidade que certificou no ano 2006 a 69 estabelecementos turísticos e ten xa 221 empresas compostelás adheridas; e a continuación da promoción do turismo idiomático e de congresos.

Máis de 60 eventos de promoción

O calendario de promoción de Turismo de Santiago para o 2007 inclúe 18 feiras internacionais, 30 presentacións en España e no estranxeiro e outras tantas viaxes de familiarización de axentes e xornalistas, con énfase nos mercados que, como o Reino Unido, Irlanda, Alemaña, Italia e Francia, contan con conexións aéreas directas.

En España, o obxectivo será promover a diversidade da oferta e os novos produtos nos mercados de maior potencial: Madrid, Cataluña, País Vasco, Comunidade Valenciana e Andalucía; mentres que no resto do mundo os esforzos se centran en conseguir máis cota de mercado, especialmente en Europa Occidental.

Esta estratexia engádese ás accións para mellorar a accesibilidade aérea directa con respecto a estes países a través da captación de liñas aéreas para o aeroporto de Lavacolla.

O traballo de Turismo de Santiago estará coordinado coas accións de organismos como Turespaña, Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, Turgalicia, España Verde, Paradores, Camiño de Santiago, Cidades Santas, European Cities Tourism, Spain Convention Bureau, e a nivel local co Consorcio, a Universidade de Santiago, Cámara de Comercio e Asociación de Empresarios de Hostalería.

Nova liña editorial

A promoción reforzarase con accións de comunicación, entre as que destaca a creación dunha nova liña editorial que mellorará as publicacións básicas de información turística, tanto para o visitante como para os axentes de viaxe. Editaranse un novidoso paquete de publicacións temáticas sobre a cidade, un libro de fotografías e folletos profesionais, ademais de continuarse co folleto mensual ‘Culturall’, as revistas ‘En Compostela’ e ‘SantiaGO!’, o folleto de programación cultural anual e o boletín profesional ‘Compostela Turística’.

De cara a poboación local, Turismo de Santiago planea organizar un encontro profesional de todo o sector turístico público e privado, así como continuar editando anualmente a campaña de sensibilización turística ‘Vivir Compostela’.

Documentos relacionados



Compartir: