LINGUA

A Festa do Apego encherá o Auditorio de música, danza e contos en galego

27/12/2017 Os nenos e nenas de ata seis anos serán os protagonistas da programación municipal de Nadal o próximo sábado, 30 de decembro. A eles e elas está dirixida a Festa do Apego, que se vai celebrar no Auditorio de Galicia dende as doce do mediodía ata as sete da tarde. O alcalde foi hoxe o encargado de presentar as actividades, que "que seguen a filosofía do programa Apego, do que Santiago forma parte xunto con outros 30 concellos galegos, e que cremos que é un espazo a reivindicar".

Martiño Noriega incidiu en que "o Apego, que vén de recibir un dos Premios da Cultura entregados pola Xunta de Galicia, pretende que as familias se animen a socializar aos seus fillos e fillas en galego, para que lingua que nos é propia sexa tamén o seu instrumento para descubriren o mundo". Para o alcalde, "a Festa do Apego vai ser o Woodstock infantil do Nadal, e permitirá que Compostela continúe sendo referente neste tipo de celebracións para os nenos e nenas".

Música, contos e movemento
A Festa do Apego está especialmente pensada para nenos e nenas de ata seis anos. Na programación haberá moita música, "con nomes moi coñecidos polos máis pequenos e pequenas". Así, polo escenario do Auditorio pasará Cé Home Orquestra, que presentará o seu espectáculo para bebés e familias Fíos do querer. O artista fará dous pases, ás doce do mediodía e ás cinco da tarde. Tamén se subirá dúas veces ao escenario Pablo Díaz (13:00 e 18:00 horas), que fará unha viaxe a través dos contos, coa música como fío condutor. Xa ás sete da tarde, está previsto o concerto de María López e Jorge Juncal (Mami e Papi), para presentar o seu libro-CD Fantasía coas palabras. Tal e como explicou o alcalde, "a súa vai ser unha actuación moi divertida, na que os nenos e nenas poderán cantar, bailar, recitar e mesmo escribir, xogando coas letras e construíndo palabras".

Contos e movemento
Os contos terán tamén o seu espazo na Festa do Apego, con tres opcións diferenciadas. Ás doce do mediodía poderemos gozar das historias de Andrea Bayer, coa sesión Tres pilistrinas, tres pilistrolas, o que non come non ten barrigola. Unha hora despois, ás 13:00 horas, será a vez de Fabaloba, coa montaxe Un bico para Alí. A través dela, os nenos e nenas "poderán coñecer o amplo mundo de xogos, historias e cancións dos que poden gozar na nosa lingua". Xa pola tarde, en dúas sesións, ás 17:00 e ás 18:00 horas, Anxo Moure achegaranos os Contos do Apalpador, para divulgar esta figura tradicional do Nadal galego.

Polo Auditorio de Galicia, o sábado tamén pasará Mirari Urruzola coa súa Alfombra máxica, un lugar para que os bebés descubran o pracer de apalpar, escoitar, ver e mesmo saborear. Haberá dúas sesións, ás 12:00 e ás 13:00 horas. Por último, a Festa do Apego achegaranos as danzas e contos de Marcelo Dobode, unha actividade para que cativos e cativas poidan xogar co corpo e coa voz. Será ás 16:00 horas.

Outros espazos
Na Festa do Apego haberá ademais un espazo de xogo libre, con xogos tradicionais, pezas de construción en madeira e mesmo unha bilblioteca infantil. No Auditorio habilitarase tamén un espazo para xogos de psicomotricidade, e ofrecerase un xantar "con Apego" a prezos populares.

A Festa do Apego completarase cun espazo de información para as familias. As nais e pais poderán coñecer diferentes proxectos relacionados coa crianza respectuosa, empezando polo propio programa Apego. Seguirán as presentacións de Aliali.gal, Escolas Infantís Municipais, Alecría, Teta e Coliño, Brazolinda, Semente, a Asociación Antonio Gandoy e Compostela Miúda.

Compartir: