CONSORCIO

O trompetista venezolano Pacho Flores impartirá clases e ofrecerá tres concertos coa Real Filharmonía de Galicia

26/12/2017 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes noveis. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional. En xaneiro contarase coa presenza do aclamado trompetista venezolano Pacho Flores, que ofrecerá ademais tres concertos coa Real Filharmonía de Galicia: o día 11 en Santiago (Auditorio de Galicia), o 12 en Vigo (Teatro Afundación) e o 13 na Coruña (Palacio da Ópera). Xunto aos alumnos e alumnas da Escola, as estas clases tamén poden asistir músicos/as externos/as ao centro.

As clases co músico venezolano celebraranse o luns 8 de xaneiro, de 16:00 a 20:00 horas; e o martes día 9, de 17:00 a 20:00 horas. Os/as músicos/as que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os/as aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

Un trompetista laureado en todo o mundo
Formado no Sistema de Orquestas Juveniles e Infantiles de Venezuela, Pacho Flores obtivo o Primeiro Premio do Concurso Internacional Maurice André, o certame para trompeta máis importante do mundo. Entre outros moitos recoñecementos, recentemente foi galardoado coa Medalla de Ouro dos Global Music Awards.

Como solista, actuou con orquestras de Suecia, Finlandia, Alemaña, Ucraína, Rusia, Francia, Estados Unidos, México, Venezuela, Xapón, China, Israel… e con varias agrupacións españolas. Ofreceu recitais en salas tan afamadas como o Carnegie Hall de Nova York, Sala Pleyel de París ou a Opera City de Tokio.

É director fundador da Academia Latinoamericana de Trompeta en Venezuela e convidado habitual dos conservatorios de Finlandia, España, Francia, Xapón e Latinoamérica; e como xurado permanente en recoñecidos concursos internacionais. É un ávido promotor da música contemporánea e fai importantes achegas tanto á execución como á interpretación da trompeta.

Compartir: