ESPAZOS CIDADÁNS

A aprobación dos estudos de detalle abre a porta á solicitude de axudas nas ARIS de Vite e Pontepedriña

26/12/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade presentou hoxe os estudos de detalle das Áreas de Rehabilitación Integral de Vite e Pontepedriña, que foron aprobados de forma inicial na Xunta de Goberno do pasado venres. Trátase dos documentos que establecen os criterios de intervención para a instalación de ascensores, así como para outras actuacións que busquen mellorar tanto as condicións de accesibilidade dos edificios como a eficiencia enerxética. Os estudos de detalle, catro de Vite e un de Pontepedriña, serán sometidos a exposición pública polo prazo dun mes, antes da súa aprobación definitiva unha vez resoltas as alegacións que se presenten.

Jorge Duarte salientou que os grupos de vivendas Cardeal Quiroga e Compostela, de Pontepedriña, "foron declarados Área de Rehabilitación Integral en 2008, pero sen o estudo de detalle que agora aprobamos non se podía tramitar ningún proxecto para a instalación de ascensores no exterior dos edificios". O concelleiro explicou que o planeamento urbanístico deste ámbito "foi acordado coa Asociación de Veciños Sandra Prego, e xa lle foi presentado á veciñanza antes de levalo á Xunta de Goberno". O estudo de detalle de Pontepedriña aféctalle a 39 edificios das rúas Negreira, Padrón, Ordes, Samos, Palas de Rei, Somport, Portomarín, Canfranc e Sahagún, así como da praza de León.

Área de Rehabilitación Integral de Vite
No caso da Área de Rehabilitación Integral de Vite, aprobáronse catro estudos de detalle e está previsto que en xaneiro reciba luz verde inicial o quinto e último, "máis complexo porque hai afectación do Camiño de Santiago e do patrimonio de Ponte Mantible". Os aprobados pola Xunta de Goberno refírense aos ámbito 01, con 32 bloques de vivendas do grupo de Nosa Señora de Belén; 02, que inclúe 17 edificios da avenida Castelao e da rúa de Alexandre Bóveda: o 03, na que se contan 19 inmobles das rúas Carlos Maside e Irmandiños; e do 04, que lle afecta a outros 19 bloques de vivenda da avenida de García Lorca, a avenida de Castelao e a rúa de Celso Emilio Ferreiro.

Jorge Duarte explicou que "a situación máis complexa é a das vivendas de García Lorca, onde ademais da instalación dos ascensores é preciso solucionar a accesibilidade nos propios portais, aos que só se chega por escaleiras". Tamén explicou que "nalgún caso será posible instalar os elevadores no interior das vivendas, pero as escaleiras terán que sobresaír igualmente das fachadas, e de aí a necesidade destes estudos".

Convocatoria de axudas
O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que, unha vez aprobados os estudos de detalle, "as comunidades veciñais poderán facer os proxectos, e participar na convocatoria de axudas para as ARIS que está previsto que se aprobe en xaneiro". Para obter as subvencións, as obras deberán estar rematadas ao longo de 2018. Duarte reiterou que "as cantidades habilitadas polo Estado e pola Xunta para estas axudas seguen sendo insuficientes, porque o Concello solicitaba 2,7 millóns de euros e só foron concedidos 1,4 millóns". A esta cifra haberá que sumarlle "unha bolsa de 400.000 euros de obras sen executar no período anterior".

Ás cantidades consignadas polas administracións estatal e autonómica haberá que sumarlle a convocatoria que se fará con fondos municipais. Jorge Duarte explicou que "estas axudas complementarias estarán dirixidas a persoas sen recursos, e por iso a elas poderán optar propietarios e propietarias a título individual e non a través da comunidade de veciños como no caso das subvencións de Estado e Xunta". O edil sinalou que "é a primeira vez que se convocarán estas subvencións do Concello, coas que queremos evitar que a situación económica dun veciño ou veciña impida que se faga unha obra". Nesa liña, lembrou que "solucionar os problemas de accesibilidade é unha prioridade para o Goberno compostelán, que non pode permitir que siga habendo xente maior que non poida saír das súas casas durante anos simplemente por non teren ascensor".

Programa "Limiar"
Para facilitar a tramitación das axudas, a Xunta de Goberno tamén aprobou o venres a creación da listaxe LIMIAR, "un acordo que será publicado no BOP despois do Nadal". Jorge Duarte apuntou que calquera persoa poderá apuntarse nesa lista, "que ordenará aos propietarios e propietarias segundo o seu grado de implicación no proceso de obtención das subvencións". A orde dependerá dos pasos que se teñan dado para lograr as axudas: acordo da comunidade de propietarios, redacción do proxecto, solicitude de licenza...

A listaxe LIMIAR estará aberta a toda a cidade e non exclusivamente ás ARIS, "porque despois desta haberá outras convocatorias de axuda á rehabilitación, tanto municipais como autonómicas e estatais". O concelleiro de Espazos Cidadáns salientou que "termos esta lista de propietarios e propietarias tamén nos avalará nas nosas demandas de fondos ante outras administracións, porque deixará claro que as axudas habilitadas ata o de agora son insuficientes para cubrir a demanda".

Compartir: