ADMINISTRACIÓN

A Xunta de Goberno Local aproba a creación de 44 novos postos de traballo

26/12/2017 A Xunta de Goberno vén de darlle luz verde á Oferta Pública de Emprego do 2017, que inclúe a creación de 44 postos de traballo e a convocatoria de dúas prazas de promoción interna para uxieres. O Concello continúa así dotando de recursos humanos á Administración local, a pesar das restricións marcadas polo Goberno central coa taxa de reposición.

Dentro da Oferta Pública de Emprego destaca a reserva dunha praza para unha persoa con discapacidade intelectual, sendo a primeira vez na historia do Concello que se realiza esta reserva. Sumaríase a outras tres prazas que se reservan para persoas con diversidade funcional, superando o número mínimo que marca a lexislación estatal. Así, ofertaranse un total de 44 novas prazas ás que se lle suman dúas de promoción interna. O Concello traballará con colectivos e asociacións de persoas con discapacidade intelectual para que a Oferta de Emprego sexa inclusiva na adaptación de temarios e na organización do proceso de selección.

Quenda libre
Dentro das novas prazas convócanse como persoal funcionario dous técnicos/as de xestión, un administrativo/a, un letrado/a, un arquitecto/a técnico/a, dous oficiais albaneis, tres bombeiros condutores, dous policías locais, dez auxiliares administrativos, tres músicos/as (clarinete, trombón e frauta) e un técnico en informática.

Como persoal laboral convócanse tres psicólogos/as, dous educadores/as familiares, tres traballadores/as sociais, un axente de desenvolvemento local, un técnico de orientación laboral, un coordinador/a de centro sociocultural e seis animadores/as socioculturais.

Compartir: