FACENDA

Ratificados os orzamentos de Incolsa, Tussa e Auditorio de Galicia para o vindeiro 2018

22/12/2017 Os consellos de administración dos organismos autónomos dependentes do Concello deron luz verde ás contas para o ano 2018, despois de que o Consello Reitor do Auditorio aprobase hoxe, cos votos favorables de todos os grupos e a abstención do PP, o orzamento do Auditorio de Galicia.

As contas de Incolsa e de Tussa foran aprobadas o pasado día 13 de decembro. Deste xeito complétase o documento orzamentario do Concello, que deberá ser fiscalizado polo Departamento de Intervención Municipal antes de sometelo a votación plenaria, previsiblemente na primeira quincena do mes de xaneiro.

Tussa
O orzamento ascende a 1.436.190,77 euros, dos cales destacan como investimentos o proxecto para a remodelación do aparcadoiro de Belvís ou a colocación de cinco marquesiñas no rural. Mantense así a aposta polo rural, tanto no mantemento das marquesiñas existente como na instalación de novas unidades.

Por outra banda, o Concello está a preparar a licitación do novo PMUS, o que sen dúbida será un novo punto de partida para o tratamento de estacionamentos internos, externos ou de borde. Incorpórase unha partida cifrada en 20.000 € para a realización de pequenas obras de mantemento nos distintos estacionamentos así como unha mellora na sinalización dos mesmos.

Tamén se recollen 30.000 € para o establecemento de novas infraestruturas de estacionamento, como son o caso de Pontepedriña e rúa do Olvido.

Auditorio
As contas ascenden a 3.098.040 euros, que se destinarán a un amplo programa de actividades culturais que lle darán un gran pulo á política cultural da cidade e ao propio Auditorio de Galicia. Afondarase no traballo participado co sector cultural a través de convocatorias abertas que caracterizan a liña de acción cultural actual.

Como principal novidade destacan dúas propostas. A primeira está relacionada coa celebración do Ano Europeo do Patrimonio e a segunda coa posta en marcha do programa C(ultura) en familia, que pretende fornecer unha programación de artes escénicas e musicais orientada a fomentar e educar aos máis cativos cativas nos hábitos saudables de consumo das artes escénicas e musicais.

Incolsa
O orzamento da Sociedade Municipal de Turismo ascende a 2.977.969 euros, co obxectivo de consolidar o crecemento da demanda experimentada na cidade nos últimos anos e continuar cos bos datos cos que se pecha o ano 2017.

Ademais destinaranse os esforzos en facer fincapé nun turismo de calidade para incrementar o gasto e a estadía media, a desestacionalización da demanda ou a diversificación dos mercados emisores. Por iso se continuará tamén colaborando estreitamente con outras entidades para o desenvolvemento turístico de Santiago e, no 2018, estarán dispoñibles as conclusións que arroxe o Plan Estratéxico de Turismo 2017-2022, que permitirá canalizar a folla de ruta da promoción turística para os vindeiros anos.

Compartir: