INFORMÁTICA

Ábrese a licitación do proxecto da Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable, no que participa Santiago

22/12/2017 A entidade pública Red.es, dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, vén de abrir o procedemento de licitación da Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable. Trátase dun proxecto no que participa Santiago, xunto cos concellos de Madrid, A Coruña e Zaragoza, e que foi un dos beneficiarios da II Convocatoria de Cidades Intelixentes da Axenda Dixital para España.

A Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable suporá un investimento de máis de dous millóns de euros. Desa cifra, o 60% provén do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es; e o 40 por cento restante será achegado polos catro concellos que impulsan a iniciativa. O conxunto de actuacións cofinanciaranse a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable ten como principal obxectivo o desenvolvemento pleno das políticas de goberno aberto nas cidades participantes. A primeira liña de actuación do proxecto está relacionada cos datos abertos e prevé a creación e despregamento de infraestrutura tecnolóxica, coa adaptación de bases de datos, procesos de carga e indexación e APIs. Tamén traballará no establecemento dun conxunto de datos e vocabularios consensuados (identificación e priorización colaborativa de conxuntos de datos, xeración de historias de usuarios, desenvolvemento colaborativo de vocabularios, xeración de documentación e exemplos de uso, difusión e capacitación para a replicación).

A segunda liña prioritaria será a da participación, e ao seu abeiro inclúense actuacións que atenden ao deseño de procesos de participación, xeración e implantación de software de xestión de propostas, ou software de votación. Por último, a plataforma inclúe un bloque orientado á transparencia, no que se prevé a creación de portais de transparencia enlazados con datos abertos.

Compartir: