ACCIÓN CULTURAL E CENTROS CÍVICOS

O Apalpador percorrerá este venres a zona vella e continuará coas súas visitas aos centros cívicos

21/12/2017 O Apalpador percorrerá mañá venres as rúas da cidade histórica, nunha ruada que hoxe foi presentada pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra. Ademais, esta figura mítica do Nadal galego continuará nos próximos días percorrendo os centros cívicos de Compostela.

A ruada do Apalpador comezará ás 18:00 horas na Gentalha do Pichel. Despois percorrerá as rúas de San Roque, Algalia de Arriba, praza de Cervantes, Preguntoiro, Praza de Feixoo, e finaliza na Praza de Cervantes con baile das nenas da Semente. Posteriormente realizarase o msmo percorrido á inversa para rematar na Gentalha. Durante o percorrido haberá circo e música e, por primeira vez, fará o percorrido o Natarego ou Tizón do Nadal. Organiza a Escola de Ensino Galego Semente Compostela. Branca Novoneyra animou a veciñanza a participar nesta ruada, "que nos permite coñecer un pouco máis a figura do Apalpador, que forma parte das nosas raíces e que o Concello tamén quere contribuír a recuperar".

Nesa liña, o Apalpador tamén está a visitar os centros cívicos de Compostela durante as festas do Nadal. Ata o próximo día 30, o mítico carboeiro estará nunha trintena de centros, tanto da zona urbana como do ámbito rural. As visitas terán unha duración aproximada de media hora. Nese tempo, o Apalpador relatará a súa historia, e tamén contos e lendas de Nadal. Ademais, levará pequenos agasallos e caramelos para todos os nenos e nenas.

O Apalpador provén da comarca de Trives, en Ourense. Encarna a figura mítica dun carboeiro que, de acordo a tradición galega, baixa a noite do 24 ou 31 de decembro a tocar o ventre dos pequenos para ver se comeron suficientemente durante o ano, deixando unha chea de castañas e mesmo algún agasallo para desexarlles que teñan un bo ano.

Visitas de Nadal pola cidade
A concelleira de Acción Cultural tamén deu conta das andainas e visitas que se incluíron na programación de Nadal deste ano, "como anticipo da celebración, en 2018, do Ano Europeo do Patrimonio". Así, Branca Novoneyra lembrou que se están a celebrar visitas aos museos de Compostela co obxectivo de "fomentar o seu coñecemento entre os veciños e veciñas, que moitas veces non visitan os museos que teñen ao carón da casa e teñen pendente de descubrir a súa amplísima oferta".

As próximas visitas serán á igrexa de San Martiño Pinario, o 23 de decembro ás doce do mediodía; e ao Museo Eugenio Granell, o 30 de decembro, tamén ás 12:00 horas. A actividade está pensada para todos os públicos e as visitas estarán guiadas por unha persoas experta profesional, que lles explicará aos participantes o patrimonio dos museos.

Outro dos percorridos organizados durante o Nadal está pensado para descubrir o parque de Belvís. Será o 23 de decembro, ás 12:00 horas, e terá o seu punto de encontro no CIAC. A visita permitirá descubrir un espazo céntrico de Compostela como o parque de Belvís, dende a perspectiva da ecoloxía urbana.

Paseos do Nadal e Carvalho Calero
A concelleira de Acción Cultural quixo destacar da programación os paseos familiares organizados co obxectivo de descubrir os lugares de Compostela máis relacionados co Nadal. Branca Novoneyra explicou que serán percorridos que permitirán coñecer espazos relacionados cos ritos típicos destas datas, os cantos e a gastronomía. Tamén permitirán descubrir a iconografía de Nadal que é única en Compostela.

Os paseos son de balde. Haberá dous paseos familiares, o 29 de decembro e o 2 de xaneiro ás 17:30 horas, e dous paseos nocturnos o 27 de decembro e o 3 de xaneiro, a partir das oito da tarde. As saídas serán dende San Fiz de Solovio e é preciso inscribirse previamente enviando un e-mail a paseos.compostela@maos.gal.

Por último, Branca Novoneyra presentou o chamado Paseo Scórpio, que pretende ser unha homenaxe ao escritor Ricardo Carvalho Calero e que ten como punto de saída a súa casa natal de Carreira do Conde. No 30 aniversario da publicación de novela Scórpio, os participantes poderán descubrir os lugares relacionados tanto coa obra como co seu autor. A actividade está dirixida a público adulto, con inscrición previa en paseos.compostela@maos.gal.

Direccións relacionadas



Compartir: