EQUILIBRIO TERRITORIAL

Remata a primeira fase das obras da Cañoteira, que permitirán que autobuses ou ambulancias accedan ao interior de Marrozos

21/12/2017 O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, visitaron este xoves a parroquia de Marrozos, para comprobar os avances nas obras que se están executando no lugar da Cañoteira. No percorrido estiveron acompañados polos representantes da veciñanza da parroquia.

O concelleiro de Medio Rural lembrou que Marrozos "é unha parroquia atravesada polas vías do ferrocarril, e con moitas pontes antigas que dificultan a accesibilidade". De feito, á parte alta da parroquia "non poden acceder nin os vehículos de emerxencia nin os autobuses, algo que se vai corrixir unha vez rematada a actuación da Cañoteira".

Actuación en tres fases
Rafael Peña explicou que as obras de ampliación do viario Cañoteira-Outeiro de Marrozos constan de tres fases. A primeira, xa practicamente executada, supuxo un investimento de máis de 200.000 euros e permitiu ampliar un tramo da estrada no que foi preciso construír un muro de contención.

As outras dúas fases serán licitadas de xeito conxunto, "unha vez que o Concello reciba a autorización de ADIF". O orzamento desas dúas fases superará os 400.000 euros, que permitirán ampliar o viario, incluída a ponte do ferrocarril localizada na aldea. As previsións do concelleiro de Medio Rural son que o conxunto da actuación estea rematado despois do verán de 2018.

O edil mostrou a súa satisfacción cos resultados desta actuación, "a máis ambiciosa do Departamento do Medio Rural, que atende a unha demanda histórica da veciñanza, e que marcará un antes e un despois na parroquia de Marrozos".

Na mesma liña, o alcalde, Martiño Noriega, recoñeceu que "o Concello tiña unha débeda histórica con Marrozos, a única parroquia de Santiago con estes problemas de accesibilidade".

Satisfacción veciñal
Na visita ás obras da Cañoteira participaron os representantes da asociación veciñal de Marrozos. O seu presidente, Carlos Taibo, explicou que "os bombeiros, as ambulancias ou os vehículos de carga e descarga teñen que ir ata o veciño concello de Boqueixón para acceder á zona norte da parroquia". Tamén mostrou o seu desexo de que esta actuación "permita que o autobús urbano preste servizo no interior da parroquia, porque ata o de agora só percorre a Nacional 525 ata o lugar da Susana. Iso obriga a moitos veciños e veciñas a camiñar ata dous quilómetros para teren acceso ao servizo de transporte público".

Compartir: