ACCION CULTURAL

David Quiñones, Juan Carlos Díaz e Manuel Otero gañan a XXIII edición do Premio Antonio Fraguas

14/12/2017 O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu esta tarde o acto de entrega do Premio Antonio Fraguas de Investigación sobre o Traxe Tradicional Galego, que celebrou xa a súa XXIII edición. O acto estivo presidido polo alcalde, Martiño Noriega, e a lectura da acta correu a cargo de Xesús Ferro, académico e profesor que formou parte do xurado.

Como en cada edición, os galardóns convocáronse en dúas modalidades. Na de traballos descritivos, a distinción foi para David Quiñones Vázquez, por un traballo titulado Unha viaxe no tempo. Este premio está valorado en 600 euros. Na modalidade de traballos analíticos, distinguiuse o traballo de Juan Carlos Díaz Cabeza e Manuel Otero López, baixo o título Burel e serga. Neste caso, a valoración do galardón é de 1.200 euros.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega quixo agradecer ‪"o traballo da Asociación do Traxe Galego e a eses homes e mulleres que reivindicades o traxe e sodes orfebres da memoria‬".

Uns premios con 23 anos de historia
O Premio Antonio Fraguas é convocado pola Asociación do Traxe Galego dende o ano 1995. Os traballos presentados foron avaliados por un xurado composto por Ana Blanco Gómez, da Fundación Rosalía de Castro; Xesús Ferro Ruibal, académico e membro do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e Xosé Manuel González Reboredo, do Padroado do Museo do Pobo Galego.

O Premio convócase sempre en dúas modalidades, unha para traballos descritivos e outra para traballos analíticos. Na primeira preséntanse traballos nos que, recuperando traxes, se especifiquen a materia da que están feitas as pezas, lugar de procedencia e época, e se presenten patróns e medidas das pezas analizadas. Nos traballos analíticos é preciso presentar información sobre quen fixo o traxe e con que mecanismos ou a área na que distribuía a súa produción. Nesta categoría valórase tamén a análise da influencia de aspectos relixiosos, económicos, políticos ou sociolóxicos sobre cada traxe. A convocatoria dos Premios Antonio Fraguas conta co apoio do Centro Comercial Compostela, que financia parte dos premios en metálico. 

Asociación do Traxe Galego
A Asociación do Traxe Galego é una entidade cultural sen ánimo de lucro que, coa axuda dos seus máis de 300 socios, vén traballando dende distintas vertentes sobre o obxectivo xeral da promoción, dignificación e uso do noso traxe tradicional. Dende 1995, a Asociación do Traxe Galego promove anualmente a convocatoria do único premio de investigación sobre o traxe tradicional existente en Galicia.

Compartir: