EDUCACIÓN E CIDADANÍA

"CuntiStar", "Proxecto internivel e interetapa de Mitoloxía dende a biblioteca" e "Auga doce" gañan o X premio Educacompostela

14/12/2017 O Xurado dos Premios Educacompostela xa decidiu quen son os gañadores da décima edición deste certame, convocado polo Concello de Santiago en colaboración co Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, para recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

O xurado, que fallou o premio o pasado 23 de novembro, estivo formado por: Manuel Dios, concelleiro de Educación e Cidadanía; Susana Papín, técnica do Departamento de Educación; Antón Costa, de Nova Escola Galega; Mª Camino Pereiro, tamén de Nova Escola Galega; Jesús Rodríguez, do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC; Victoria Penide, do Departamento de Formación e Innovación de Santiago, CAFI; Henrique Alvarellos, vicepresidente da Asociación Galega de Editoras; e Susana Otero, técnica de Educación, que actuou como secretaria.

Os premios, recuperados en 2015 tras un lustro sen convocarse, están valorados en 2.700 euros, de tal xeito que 1.200 son para o primeiro premio, 900 para o segundo e 600 para o terceiro.

CuntiStar
CuntiStar é un proxecto do CPI Aurelio Marcelino Rey García, de Cuntis (Pontevedra), galardoado co primeiro premio. O xurado valorou este traballo pola temática que trata e pola diversidade de recursos educativos que propón. Considérase especialmente relevante a xustificación que amosa o proxecto e o grao de implicación do alumnado no seu desenvolvemento e o seu impacto na comunidade educativa. Cómpre destacar igualmente a atención prestada á fenda de xénero no contexto dixital e as respostas que ofrece o material para promover o uso e difusión da lingua galega a través dos videoxogos, a robótica e os medios audiovisuais.

Proxecto internivel e interetapa de Mitoloxía dende a biblioteca
O traballo Proxecto internivel e interetapa de Mitoloxía dende a biblioteca, que levou o segundo premio, pertence a Xosé Cabido Pérez, do IES Fontexería de Muros (A Coruña). Neste caso destaca por empregar a biblioteca escolar como núcleo vertebrador da revalorización e da difusión da cultura clásica, e por ser quen de aplicar as novas tecnoloxías para crear coñecementos e aprendizaxes, ademais de como vía de cooperación e colaboración entre centros. O premio tamén pertence a Maiuca Cortón Tesouro, do CEIP Felipe de Castro de Noia e Alicia Nimo Liboreiro, do Pepe de Xan Baña de Santa Comba.

Auga doce
O CEIP de Barouta, de Ames (A Coruña) é o responsable do proxecto Auga doce que, segundo o xurado, permite o coñecemento e a interacción co medio a partir dunha contextualización para o alumnado e a comunidade educativa, permitindo a aprendizaxe de prácticas e funcionais a partir do traballo interdisciplinar. En definitiva, promove a implicación e o sentido de pertenza na comunidade educativa.

Mencións especiais
O xurado do certame quixo distinguir tamén dous traballos que, a pesar de non acadar os tres primeiros premios, gozan dunha alta calidade que merece unha mención especial. Un deles é Longa ollada pola Ruta Translatio, do IES Plurilingüe A Cachada de Boiro (A Coruña), que ten unha acertada liña de traballo para revalorizar a identidade cultural empregando as tecnoloxías do coñecemento. Ademais, recibe mención especial o traballo de Silvia López Gómez, denominado Pirillán, pola súa orixinalidade e o seu valor para educar en afectos e emocións.

O Concello de Santiago quere parabenizar a todas e todos os premiados, que recibirán os seus premios nun acto que se celebrará no Concello nas vindeiras semanas.

Compartir: