MEDIO RURAL

Os catro grupos municipais e Ferusa analizan a situación das parroquias na primeira xornada do "cultRural"

12/12/2017 Esta tarde arrancou, na Facultade de Ciencias da Información, o encontro cultRural, co que Santiago quere converterse nos próximos días na capital da cultura rural. Na inauguración participou o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, que incidiu en que, "como dicía Otero Pedrayo, Santiago é a aldea máis grande de Europa, na que calquera persoa do rural se sente ben acollida".

O edil explicou que o encontro "é só un primeiro paso na nosa intención de recuperar a proximidade entre o rural e o urbano, non só dende o punto de vista ambiental, senón tamén económico e cultural". Xan Duro apuntou que ao longo do próximo ano "pretendemos seguir desenvolvendo iniciativas relacionadas co desenvolvemento do ámbito rural".

Debate dos grupos municipais
O encontro arrancou cunha mesa redonda na que participaron representantes dos catro grupos municipais, e máis o presidente de Ferusa, a Federación de Asociacións de Veciños do Rural, Emilio Cao. Interviron, ademais, o concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, e os edís Alejandro Sánchez-Brunete (PP), Paco Reyes (PSOE) e Rubén Cela (BNG).

O presidente de Ferusa reivindicou para Santiago "un modelo que vaia máis alá da reivindicación de capital cultural, cidade patrimonio e destino de peregrinos e turistas". Emilio Cao lamentou que "moitas veces se siga confundindo cidade con municipio", e apelou á necesidade dun "pacto local polo rural de Compostela".

Nesa liña, o concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial mostrou o seu desexo de que "ese pacto sexa aprobado antes de que finalice o mandato, e de feito o borrador está xa bastante avanzado para ser enviado aos grupos da oposición". Rafael Peña sinalou que este pacto debe ser "unha das ferramentas para reducir a fenda entre a zona rural e a urbana, que chega incluso ao aspecto emocional".

Reivindicación da zona rural
O edil de Medio Rural apuntou que a fenda existente "leva á invisibilidade da zona rural, que é unha grande descoñecida para a inmensa maioría da veciñanza de Compostela". Para Rafael Peña, iso está relacionado coa "histórica falta de investimentos no rural, porque non era rendible electoralmente". O concelleiro apuntou que o Goberno está priorizando agora tres liñas de traballo: a mellora da rede viaria, a mellora dos espazos sociocomunitarios e a mellora das redes de abastecemento e saneamento.

Tamén o voceiro municipal do BNG, Rubén Cela, lamentou "o descoñecemento existente do rural de Compostela, non só entre a veciñanza, senón tamén entre os cargos públicos e entre os traballadores municipais". O concelleiro sinalou que "as parroquias deben ser un bo sitio para vivir, cos servizos necesarios, e para traballar, con oportunidades aínda por explorar no sector agroalimentario e mesmo forestal".

Dende o PSOE, Paco Reyes reivindicou un plan de desenvolvemento para o rural e incidiu en que "é preciso asumir que investir nas parroquias é bo para o rural, pero tamén para a cidade". Por último, Alejandro Sánchez-Brunete, do PP, incidiu na necesidade de "preservar os modos de vida tradicionais e de buscar novas oportunidades de desenvolvemento económico e persoal no rural". Tamén pediu que se elabore un plan de infraestruturas que teña en conta as parroquias e as súas necesidades.

Direccións relacionadas



Compartir: