DEPORTE

O Concello investirá máis de 600.000 euros en melloras no campo de fútbol de Santa Isabel

07/12/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou este xoves as actuacións que o Concello levará a cabo nos vindeiros meses no campo de fútbol de Santa Isabel e que suporán un investimento próximo aos 600.000 euros.

O primeiro proxecto supón un investimento superior aos 100.000 euros e permitirá realizar obras de mellora da accesibilidade, así como de renovación das bancadas. "A ninguén se lle escapa -afirmou a concelleira de Deporte- que a accesibilidade nesta instalación deportiva é bastante deficiente, xa que actualmente non existe un acceso adaptado ás bancadas". O proxecto vén a dar solución a esta problemática incorporando un itinerario accesible a bancada, para o que se prevé construír unha rampla e mellorar o acceso cunha nova escaleira nun dos laterais. Renovarase a zona de acceso a bancada nesta zona, eliminando unha edificación auxiliar e renovando pavimentos. Dotarase a este novo acceso das varandas e elementos necesarios, e renovarase a evacuación de pluviais. Así mesmo, reformarase un local existente para construír un aseo adaptado.

Indicaranse as prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida na bancada. Tamén se mellorará o percorrido cara aos novos vestiarios desde a bancada, para o que se igualará todo o pavimento, deixando un percorrido uniforme. Para iso disporase un novo pavimento de formigón que regularice o xa existente.

Melloras nas bancadas
Ampliarase o ancho do espazo entre bancadas para conseguir unha circulación máis folgada e cómoda, incorporando varandas nas escaleiras que actualmente non a teñen. Revisaranse os asentos individuais existentes para renovar os deteriorados e incorporar novos asentos, similares aos que xa hai, ampliando a zona dotada de asentos con respaldo á totalidade da bancada.

Repasaranse e pintasen as varandas existentes que limitan co campo de xogo e limparase, repasarase e pintarase a estrutura metálica de alicerces, vigas e correas de cuberta para dotar ao conxunto dunha imaxe renovada.

Ademais en ambos os laterais da bancada colocaranse proteccións para o vento e reformarase a saída de vestiarios baixo a bancada. Para completar a intervención, pintaranse na parede de fondo da bancada numeración para marcar os diferentes sectores.

Novo céspede
A actuación de maior contía é a que se levará a cabo, previsiblemente no verán, no céspede de Santa Isabel, e que ten un custo superior ao medio millón de euros. Tal e como indicou a concelleira, "será a primeira actuación na zona do céspede que se leva a cabo dende que, en 2006, se mudou a herba por campo artificial".

O obxectivo fundamental é a renovación do terreo de xogo mediante un sistema de céspede artificial de ultima xeración que permitirá que se xoguen partidos de fútbol 11 e fútbol 7 homologados polas federacións deportivas.

As actuacións que se realizarán suporán o cambio total do céspede por outro de moita mellor calidade de entre 45 mm de altura e recheo natural mix. Mudarase tamén o deseño do campo, pasando de dúas a catro augas para mellorar a evacuación. Tamén se avanzará na drenaxe, tentando realizar un uso adecuado e sostible dos recursos.

Habilitarase unha zona de adestramento de 1.200 metros cadrados que estará dotada coas mesmas instalacións que o campo de fútbol, drenaxe e rega, conectadas ás redes deste. A iluminación será uniforme, de tal xeito que non dificulte a visión dos xogadores e xogadoras.

Compartir: