CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro Sociocultural de A Rocha inaugura unha exposición que recupera a memoria do barrio

20/12/2006 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, inaugurou esta tarde a mostra ‘A Historia vai por barrios’ no Centro Sociocultural de A Rocha. A experiencia ten como obxectivo recuperar o patrimonio cultural do barrio a través da recollida das fotos, tradicións e historias que aportan os veciños.

Os veciños do barrio de A Rocha terán a partires de hoxe a oportunidade de coñecer un pouco mellor a historia do seu barrio. Será posible grazas ás lembranzas persoais e ás fotos cedidas polos veciños. Con este material conformouse unha mostra que percorre a historia do barrio dende o seu nacemento.

A Rocha é un dos barrios con máis historia de Santiago. As súas orixes remóntanse á época dos mouros, cando as xentes construían mámoas para honrar aos seus defuntos. Construíuse o castro, chegaron os romanos, e levantouse a fortaleza pola que é coñecido o barrio e de onde toma o seu nome: o castelo da Rocha Forte, destruído despois polos Irmandiños.

A Rocha é ademais un barrio de entrada a Santiago, situado na que sería a ruta do Camiño Portugués. Este feito aporta á veciñanza unha morea de historias que serán contadas polos veciños nos talleres que se van levar a cabo. Nestes obradoiros tentarase recuperar tradicións populares, xogos, contos e anécdotas do barrio. O obxectivo é preservar o patrimonio cultural achegándolle aos máis novos todas as historias do seu barrio contadas polos seus protagonistas e espectadores directos que son os veciños máis vellos.

Tamén está previsto que haxa un encontro entre os veciños de A Trisca (onde xa se levou a cabo a experiencia) e os de A Rocha. A intención é provocar un intercambio de experiencias para que os barrios, ademais de coñecer a súa propia historia, se acheguen tamén á historia dos outros barrios da cidade. Despois de A Rocha o proxecto viaxará aos centros socioculturais de Enfesta, O Ensanche e Vite.

Compartir: