MEDIO RURAL E MEDIO AMBIENTE

Santiago reivindica a súa identidade rural co proxecto "cultRural"

04/12/2017 Do 12 ao 19 de decembro, Santiago vai reivindicar a súa esencia e identidade rural e a analizar as novas propostas dirixidas a dinamizar este ámbito tan importante do municipio. Será no marco do proxecto cultRural, que hoxe presentaron os concelleiros de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; e de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña. Segundo explicaron os concelleiros, "o obxectivo é que Compostela sexa durante esa semana a capital da cultura rural, ao tempo que se convirte en sede do IV Festival Internacional de Cine Rural de Galicia Carlos Velo.

O concelleiro de Medio Rural lembrou que "o termo municipal de Santiago ten unha extensión de máis de 220 quilómetros, e a maior parte deles son zona rural. Temos 20.000 veciños e veciñas que viven nas parroquias". Rafael Peña sinalou que "por este condicionante e máis polo seu pasado recente de actividade agrícola e gandeira, Compostela ten que poñerse á fronte das iniciativas pioneiras que supoñan novas oportunidades para a conservación e integración da biodiversidade, e permitan facer unha relectura contemporánea do ámbito rural". Trátase, ademais, de recompilar os proxectos e as boas prácticas xa en marcha noutros puntos de Galicia e do Estado, e que poidan ser de aplicación en Santiago.

Mesas redondas
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia foi o encargado de debullar a programación do cultRural, que botará a andar o martes, 12 de decembro, cun debate na Facultade de Ciencias da Comunicación. Nel participarán representantes dos catro grupos da Corporación municipal, que exporán os seus modelos para o rural de Santiago. Está previsto que na tertulia participe tamén un representante de Ferusa, a Federación das Asociacións de Veciños do Rural.

Xan Duro explicou que, ademais da reflexión política, no cultRural "queremos afondar tamén nas experiencias que están a funcionar para revitalizar o rural, tanto impulsadas por diferentes institucións como pola iniciativa privada". Así, o mércores 13 afondarase en propostas como o mercado labrego dos Tilos, que leva cinco anos funcionando con éxito no veciño concello de Teo; a Festa do Boi de Allariz, e mesmo os programas O Agro e Labranza, da TVG. Xa o xoves 14, está prevista unha mesa redonda sobre experiencias agroalimentarias de éxito como Xantardevagar, Realiméntate, a Rede de Microincubadoras do Rural ou a Cooperativa Caprina Galega.

Gastronomía
A gastronomía tamén terá un espazo destacado na programación do cultRural. O venres 15, o evento trasladarase ao Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostelería Compostela, onde se celebrará un obradoiro sobre a cabra, o tomate negro e o grelo de Santiago. A actividade estará dirixida por Xan Galbán, do Restaurante María Castaña. Ademais os días 15, 16 e 17 de decembro celebraranse unhas xornadas gastronómicas sobre a cabra en distintos restaurantes, co obxectivo de recuperar este prato típico da gastronomía de Santiago.

Paco Macías explicou que, con estas iniciativas, "queremos apostar porque Compostela sexa unha cidade soberana alimentariamente, que un reto para moitas cidades europeas". Tamén incidiu en que Santiago ten "o grelo e o tomate de Santiago, dous produtos que os propios composteláns descoñecen e que non se producen na medida na que se debería". Ademais, explicou que a capital galega é "a única cidade de Galicia que ten un prato típico, a cabra, que se consume moito pero que non se produce". Para Macías, "estas xornadas deberían servir tamén para pechar ese círculo".

Outras actividades
No marco da programación do cultRural tamén está prevista a presentación do proxecto de Coworking Rural de Cataluña, o sábado 16 no CIAC de Belvís. Nesa mesma xornada presentarase unha publicación coas conclusións do programa, e faranse visitas guiadas ás hortas de Belvís e ás Brañas de Sar.

Outra das citas de interese será a presentación dunha iniciativa de desenvolvemento rural impulsada polo cineasta Oliver Laxe, que tamén mostrará imaxes inéditas dos incendios.

Co obxectivo de divulgar o programa entre a mocidade, está previsto que se presenten as conclusións do cultRural tanto na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo coma no IES Rosalía de Castro. Tamén haberá presentacións nos locais socioculturais do rural de Compostela.

Festival de Cine Carlos Velo
No marco do cultRural tamén se vai celebrar en Santiago o IV Festival Internacional de Cine Rural de Galicia Carlos Velo. Un dos seus directores é Aser Álvarez, que recoñeceu "que o certame recibirá un importante impulso ao ir da man co programa cultRural, malia a que xa forma parte dunha rede europea de cinema rural". Para el, o obxectivo do festival "é reflexionar sobre o papel do mundo rural no século XXI".

Este ano, a organización do festival recibiu máis de 300 curtametraxes, das que un comité formado por expertos e estudantes seleccionou as que se poderán ver na Facultade de Ciencias da Comunicación, cinco na categoría de documental e outras cinco na de ficción.

O festival arrancará tamén o martes 12, cunha retrospectiva sobre A Chanfaina LAB. O mércores 13 e o xoves 14 proxectaranse as obras finalistas, e o venres 15 terá lugar a entrega de premios no Salón Nobre do Pazo de Raxoi.

Direccións relacionadas



Compartir: