ALCALDÍA

O alcalde celebra 25 anos de diálogo no Parlamento

19/12/2006 O mesmo día no que se cumprían vinte e cinco anos da constitución do Parlamento de Galicia, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo acudiu aos actos de conmemoración que se celebraron no Pazo do Hórreo e nos que participaron antigos mandatarios, presidentes da Cámara, deputados e autoridades de diferentes institucións.

Foi un 19 de decembro de 1981 cando se celebrou a sesión constitutiva do Parlamento de Galicia. Vinte cinco anos despois o Pazo do Hórreo converteuse nunha festa na que se celebraba un cuarto de século de diálogo e de compromiso. Durante as intervencións da presidenta da Cámara, Dolores Villarino, dos tres portavoces e dun representante da cidadanía, un xoven invidente coetáneo do Legislativo, repetíronse as demandas de diálogo no proceso de Estatuto e o rexeitamento a limitación do autogoberno.
As comparecnecias, que se prolongaron por espazo de case unha hora, alternáronse con interpretacións musicais a cargo do gaiteiro Suso Vaamonde, que se encargou de abrir o acto coa Marcha do Antigo Reino de Galicia, e dos artistas El Niño Josele e o dúo de flamenco de Cuchús Pimentel e Delio Domínguez.

Entre os asistentes que enchían as gradas do Pazo do Hórreo, estaba o alcalde compostelán Xosé A. Sánchez Bugallo que quixo participar nos actos de conmemoración dunha institución que viu nacer e medrar en paralelo á cidade que el dirixe. Ao seu lado, os alcaldes das outras cidades galegas; ex mandatarios autonómicos como Xerardo Fernández Albor ou Fernando González Laxe; antigos responsables da Cámara, como Victorino Núñez, Tomás Pérez Vidal e José María García Leira.

Compartir: