XUNTA DE GOBERNO

O Executivo local destinará case 1,3 millóns de euros á renovación do alumeado nos accesos á cidade

24/11/2017 A Xunta de Goberno adxudicou este venres os contratos para a mellora das instalacións do alumeado público nos accesos á cidade, aos que se van destinar 1,3 millóns de euros. O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que esta actuación "é posible grazas a que o Departamento de Medio Ambiente conseguiu un préstamo do IDAE, que nos facilita a renovación das instalacións". Martiño Noriega incidiu nos beneficios "tanto ambientais como en relación ao aforro económico que suporá esta renovación de luminarias".

O contrato da Fase I foille adxudicado a Ferrovial por un importe de case 230.000 euros. Nel inclúese a renovación das luminarias nos accesos ao centro de Compostela pola vía da Estrada, a avenida de Pontevedra, a estrada de Noia, o viaduto da Rocha e a avenida de Antón Fraguas.

Da Fase II encargarase a empresa Cobra Instalaciones y Servicios. Neste contrato, cun orzamento de máis de 380.000 euros, inclúese a avenida Santiago de Cuba, a rúa Virxe da Fátima, a estrada de Ourense, a costa de San Marcos ata Lavacolla e a SC-21.

En canto á Fase III, cun orzamento de 355.000 euros, inclúe a rúa Clara Campoamor, a avenida de Lugo, a avenida Camilo José Cela e a avenida Gonzalo Torrente Ballester. A adxudicación foi para a empresa Cobra Instalaciones y Servicios.

Por último, á Fase IV reserváronse 295.000 euros e nela incluíronse as actuacións no tramo da praza da Paz á praza de España, no tramo da rotonda do Castiñeiriño á rotonda da Pontepedriña, entre a rotonda do Hórreo e a rotonda de Romero Donallo, e entre a rotonda da praza de España e a avenida de Lugo.

En total, e grazas ao préstamo do IDAE, vanse instalar preto de 2.500 novas luminarias, que incorporan fontes de luz de alta eficiencia e rendemento e dispositivos que permiten a súa regulación de forma programada. Estímase que estas actuacións suporán un aforro de 240.000 euros anuais, e evitarán a emisión de case medio millón de toneladas de carbono nun prazo de dez anos.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: