ACCIÓN CULTURAL

Cineuropa acolle a preestrea oficial de "A estación violenta", de Anxos Fazáns, e tínguese de negro contra a violencia

24/11/2017 A agardada preestrea de A estación violenta, de aforo completo dende o xoves, terá lugar ás 20:30 horas deste sábado no Teatro Principal. A ópera prima da pontevedresa Anxos Fazáns, que asina o guión en colaboración con Ángel Santos, Xacobe Casas e Daniel Froiz, é unha adaptación libre da novela homónima de Manuel Jabois.

Alberto Rolán, Nerea Barros, Xose Barato, Laura LaMontagne, Xiana Arias e Antonio Durán "Morris" protagonizan este filme, rodado nos últimos meses entre Compostela e Pontevedra. Anxos Fazáns é graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e obtivo un mestrado de dirección de cine na ESCAC. Actualmente combina o seu traballo como directora co de axudante de dirección e script en diferentes proxectos. A súa curtametraxe Area será estreada en Zinebi este mesmo ano. Fazáns visitará Cineuropa acompañada de boa parte do equipo do filme para manter un encontro co público.

Comprometidos coa campaña En negro contra as violencias, impulsada polo Concello de Santiago co obxectivo de eliminar a lacra das violencias machistas, este sábado 25 de novembro Cineuropa proxecta dous filmes que abordan esta problemática. En primeiro lugar, ás 16:00 horas, no Salón Teatro, comezará Ember (Kor), un filme do realizador turco Zeki Demirkubuz que amosa unha sociedade arraigada no pasado na que o paternalismo afoga as mulleres e veda por completo os seus dereitos. De seguido, ás 18:30 horas, no Teatro Principal, poderemos asistir a un novo pase de Jusqu’à la garde (Custodia compartida), un filme de Xavier Legrand valorado cun 8,17 polo público na súa anterior sesión. A primeira longa de Legrand acadou tamén os premios de mellor ópera prima e mellor director en Venecia, e o premio do público en San Sebastián.

Por outra banda, o director arxentino Miguel Ángel Rocca visitará o Salón Teatro ás 18:00 horas para presentar o seu último filme, Maracaibo, un thriller que afonda na complexidade dos vínculos familiares de marabillosa fotografía e sobresaínte traballo actoral.

Ás 19:45 horas, no mesmo Salón Teatro, terá lugar a estrea do terceiro filme da edición do dilixente Hong Sang-soo, valedor do Oso de Prata á mellor actriz no Festival de Berlín. Trátase de On the beach at night alone (Na praia, soa de noite), un traballo no que, en palabras do director de Cineuropa, José Luis Losa, "é preciso coñecer o transfundo autobiográfico de Hong Sang-soo para chegar ao fondo desta obra, na cal o cineasta abre en canle a súa intimidade esnaquizada polo seu divorcio, provocado pola súa historia de amor coa actriz Kim Min-hee. O filme pescuda no sentimento de perda desa actriz que agarda a chegada do seu amante, un cineasta que nunca vai aparecer. É cinema maiúsculo, dun romanticismo fatalista".

Ao longo desta xornada teremos unha nova oportunidade de asistir ás proxeccións de L'insulte, de Ziad Doueiri, filme valorado cun 8,44 no seu primeiro pase, que poderemos ver ás 18:00 h no Salón Teatro; Les Affamés (Os Famentos), de Robin Aubert (ás 23:15 h na mesma sede); C’est la vie!, de Olivier Nakache e Eric Toledano, que obtivo un 8,07 no seu anterior pase e abrirá a programación do Teatro Principal ás 16:30 h; e Pororoca, de Constantin Popescu, que botará o peche da mesma sede ás 22:30 h.

Direccións relacionadas



Compartir: