FESTAS

A iluminación de Nadal acenderase o 30 de novembro, con máis rúas decoradas e elementos máis modernos

24/11/2017 A iluminación de Nadal chegará este ano a novas rúas de Compostela e incrementará o número de elementos nas zonas que xa viñan sendo decoradas. Explicouno hoxe a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, que reiterou que a iluminación, que xa está sendo colocada desde hai uns días, estará acendida desde o 30 de novembro ata o 7 de xaneiro. A edil lembrou que o Concello "apostou por incrementar sensiblemente o orzamento destinado á iluminación durante as Festas, respondendo ás demandas que viña manifestando a cidadanía en anos anteriores e fundamentalmente o sector do comercio".

A concelleira de Acción Cultural lembrou que, por vez primeira, o Concello "contratou a iluminación de Nadal para dous anos, este 2017 e o 2018, cun orzamento total de máis de 200.000 euros". En 2016, a iluminación custará algo máis de 50.000 euros. Este incremento orzamentario "deixarase notar non só no número de rúas iluminadas, senón tamén na calidade dos elementos decorativos".

Zona histórica
Branca Novoneyra detallou que "este ano destinamos á decoración das rúas e prazas da cidade histórica 6.000 euros máis que o ano anterior". Iso permitirá que a empresa adxudicataria, Iluminaciones Santiaguesas, decore novos ámbitos como o de Pastoriza, Basquiños, Santa Clara e San Roque; praza da Paz, San Miguel dos Agros, Galeras, Pombal, Carretas, Tránsito da Mercé e rúa da Ensinanza. Ademais, a concelleira salientou que "en moitas das rúas que xa estaban iluminadas increméntase o número de elementos decorativos, como Acibechería, rúa do Vilar, Franco, Raíña, Porta Faxeira, San Francisco ou Concheiros.

Ensanche
No Ensanche tamén se van notar as melloras da iluminación de Nadal, "con novas rúas decoradas como Rosalía de Castro, rúa Nova de Abaixo, A Rosa, Romero Donallo, Ramón Cabanillas ou Fernando III o Santo". Noutras nove rúas vanse incrementar os elementos decorativos, "sobre todo en Santiago de Chile, Hórreo, República Arxentina, República de El Salvador e San Pedro de Mezonzo". Para iso, o orzamento destinado á iluminación do Ensanche pasa dos 14.000 euros máis IVE de 2016, aos 31.800 euros máis IVE de 2017.

Rural e outros ámbitos
O prego da iluminación de Nadal deste ano tamén establecía a obriga de colocar elementos decorativos en todas as parroquias, cun lixeiro incremento orzamentario con respecto a 2016. Ademais, incorporouse un novo ámbito a iluminar: o dos barrios e entradas á cidade. Nel, incluíronse puntos que o ano pasado non estaban decorados como a praza de España, San Lázaro, avenida Rodríguez de Viguri, rúa do Restollal, García Prieto e Sánchez Freire, rúas Londres e Berlín, avenida de Lugo e avenida de Castelao.

Tamén como novidade, a empresa adxudicataria da iluminación de Nadal deberá decorar o antigo Concello da praza de Cervantes, a sede do Consorcio e o Teatro Principal, ademais da praza do Obradoiro.

A concelleira de Acción Cultural insistiu en que "este ano haberá máis rúas iluminadas, pero as melloras no prego tamén se deixarán notar na calidade dos elementos decorativos". Branca Novoneyra salientou especialmente "as figuras en 3D que se van instalar en varios puntos do Ensanche e da cidade histórica, e que son moi novidosas con respecto ao visto en anos anteriores no Nadal".

Compartir: