ACCIÓN CULTURAL

O Festival Escenas do Cambio programa 13 espectáculos procedentes de 5 países

23/11/2017 O Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción Escenas do Cambio regresará de novo en febreiro de 2018 –entre os días 1 e 10– con 13 espectáculos de compañías procedentes de cinco países (España, Portugal, Marrocos, Siria, Francia e Italia), nunha cuarta edición na que o teatro galego continuará a ter unha presenza destacada con Estela Lloves, Félix Fernández, IlMaquinario e, de novo, Voadora, que presentará neste certame a estrea en España de Garage.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do certame, na que estivo acompañada do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; o director artístico do festival, Pablo Fidalgo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira; integrantes do equipo artístico de Voadora e o xerente da planta de Trameve de despeces e repostos automobilísticos, Luis Penido.

Precisamente, a presentación tivo lugar neste taller, situado no Polígono do Tambre, en Santiago de Compostela, como xesto cómplice coa montaxe de Voadora, na que se aborda o papel da muller no mundo da industria do motor e que, en coprodución con MA Scène Nationale - Pays de Montbéliard, foi representada por primeira vez este ano en Francia. Na súa estrea en España para este festival, as protagonistas serán traballadoras de PSA Peugeot Citroën de Vigo.

Na súa intervención, Branca Novoneyra salientou o a colaboración entre institucións, axentes culturais e compañías na realización da xa cuarta edición deste certame, que deita "unha ollada sobre a escena absolutamente combativa e política e que se converte en algo necesario, nun luxo e, a o tempo nunha obriga institucional". A concelleira parabenizou aos organizadores pola ollada valente e crítica coa que se xesta este certame que conta por segundo ano coa colaboración do Concello de Santiago.

Maior presenza da danza e da arte en movemento
Nesta cuarta edición, a danza e a arte en movemento, sempre cun papel destacado no certame, eríxense cun especial papel protagonista non só pola cantidade, senón pola calidade. Será unha proposta, inscrita nestas disciplinas, Antonio y Cleopatra, do prestixioso escritor e director do Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa, Tiago Rodrigues, a que abra Escenas do Cambio o 1 de febreiro, tras presentarse en inglés, francés e portugués en teatros de todo o mundo.

Nesta mesma corrente artística inscríbense as propostas de Israel Galván, Mohamed El Khatib, Miguel Pereira, Estela Lloves, Xavier Le Roy e Mithkal Alzghair, que irán alternándose no programa coas propostas escénicas de Edurne Rubio e Daria Deflorian & Antonio Tagliarini; as musicais de Mursego e Maria Arnal & Marcel Bagés; e a performance feita ex profeso para Escenas de Cambio de Félix Rodríguez.

Máis alá do Gaiás
Escenas do Cambio continúa a liña aberta na anterior edición e volve estenderse máis alá do Gaiás, con representacións en diferentes espazos culturais, teatros e salas da capital de Galicia.

Deste xeito, ademais de no Museo Gaiás e da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, os espectáculos terán como escenarios o Teatro Principal, no caso de Light years away, de Edurne Rubio; o Salón Teatro, para a estrea de Garage, de Voadora; o CGAC, co concerto de Mursego; e a Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, onde se representará Miguel meets Karima, de Miguel Pereira.

As entradas de Escenas do Cambio 2018 estarán á venda a partir do 1 de decembro en www.escenasdocambio.org. De igual xeito, a partir desa data e na mesma páxina web xa se poderá consultar todo o contido do festival polo miúdo.

Na web tamén se facilitará información para as inscricións do obradoiro impartido polos portugueses Sofia Dias e Vitor Roriz, que compartirán algunhas ferramentas de investigación e improvisación que se producen nos seus procesos creativos como coreógrafos e que está aberto a calquera persoa interesada na interpretación con ganas de experimentar en novas técnicas.

Do mesmo xeito, será nesta páxina onde se darán a coñecer os trámites para inscribirse en #Fogar, o espazo de encontro sobre teatro bibliográfico que impartirán os días 2, 3, 4, 8, 9 e 10 de febreiro Melania Cruz e Tito Asorey, de IlMaquinario Teatro. Esta actividade está dirixida a persoas vencelladas coa creación escénica (intérpretes, músicos, performers, directores, dramaturgos...).

Direccións relacionadas



Compartir: