IGUALDADE

Máis de 700 establecementos e entidades berran contra as violencias machistas tinguíndose de negro

23/11/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, visitou esta mañá algúns dos establecementos adheridos este ano á campaña En negro contra as violencias, impulsada en 2015 polo Concello de Santiago e á que se sumaron xa 75 concellos e 3 deputacións. O alcalde estivo acompañado pola concelleira de Igualdade, Marta Lois, e polos voceiros dos grupos municipais.

Martiño Noriega visitou algúns dos establecementos da rúa de Santo Domingo de la Calzada, como Folla Novas. Posteriormente, a comitiva dirixiuse á tenda de roupa Emilio Iglesias, onde o alcalde, a concelleira e o resto de voceiros falaron coas traballadoras sobre o impacto da campaña na cidade. Ese establecemento decorou o seu escaparate con flores e mensaxes contra as violencias, un traballo feito pola deseñadora compostelá Amelia Rivera.

Tamén visitaron o Gadis de Frei Rosendo Salvado, rematando finalmente a visita no CSC do Ensanche, un dos catro lugares de distribución do material da campaña e o que centraliza o traballo das persoas voluntarias. Martiño Noriega quixo agradecerlles "o traballo que o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC está a levar a cabo na xestión dos programas de voluntariado e que xa leva tres anos colaborando con Compostela en negro".

O alcalde engadiu que este ano "son máis de 700 os establecementos e entidades sociais adheridas á campaña", que se desenvolverá ata o 26 de novembro. Ademais lembrou que tamén se sumou a veciñanza de Compostela, que encheu os seus balcóns e fiestras co material da campaña.

Campaña nacida en 2015
En negro contra as violencias naceu en 2015 da man do Concello de Santiago, que puxo en marcha a campaña Compostela en negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista.

Partindo desta práctica inicial, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social da campaña, en 2016, xa 16 concellos máis uníronse para desenvolveren conxuntamente a campaña En negro contra as violencias. Neste 2017, son 75 os concellos adheridos, que intentan así situar na axenda política esta loita, aos que se sumaron tamén 3 deputacións provinciais.

A campaña está financiada con fondos europeos, dentro do programa EDUSI.

Comunidade derby en negro contra as violencias
En colaboración un ano máis coa campaña En negro contra as violencias, o equipo coruñés de roller derby As Brigantias organiza o sábado 25 de novembro, ás 16:00 horas, no pavillón municipal de Lamas de Abade, un adestramento aberto para toda a comunidade galega de roller derby. O obxectivo é promover unha xornada de convivencia na que compartir valores e sensibilizar sobre a loita contras as violencias machistas e a prol dos dereitos das mulleres.

O evento deportivo comezará cun adestramento para as persoas participantes e, ás 18:00 horas, realizarase un scrimmage ou partidiño temático de roller derby. Polo momento están xa inscritas unhas 28 persoas pertencentes a clubs de roller derby de Ourense, Vigo e Pontevedra.

Ambas actividades serán en aberto e gratuítas para todas aquelas persoas que se acheguen ata o pavillón e desexen coñecer o deporte, informarse, apoiar ou simplemente compartir a tarde coa comunidade derby galega, en negro, contras as violencias.

As Brigantias RD é un club de roller derby galego, con sede na cidade da Coruña, que naceu no ano 2012, sendo así unha das ligas pioneiras deste deporte de contacto en patíns dentro da comunidade galega.

Direccións relacionadas



Compartir: