ACCIÓN CULTURAL

"EMPA#01", primeiro disco da Escola de Música Popular e Avanzada de aCentral Folque

23/11/2017 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá en rolda de prensa o disco EMPA#01, resultado de dous anos de traballo nas aulas do Curso Maxistral da Escola de Música Popular Avanzada de aCentral Folque. Fíxoo acompañada de Alejandro Vargas e Alba María, ambos mestres da EMPA, alén de participantes no proxecto.

Branca Novoneyra puxo en valor esta iniciativa, que afonda na "práctica da música de raizame galega cun enfoque contemporáneo e aberto e actualiza o noso patrimonio musical".

Pola súa parte, Alejandro Vargas, destacou a convivencia de músicos de diferentes traxectorias e, polo tanto, diferentes sonoridades nesta proposta, que recupera sons tradicionais e busca enriquecer o repertorio de música galega.

Alba María, que interveu no proxecto aínda en calidade de alumna da EMPA, definiu a súa experiencia de formación como un proceso que lle permitiu contemplar a tradición dende a contaminación positiva de sons diversos, da man de músicos e músicas de diferentes procedencias, e convidou ao público a descubrir "este disco sen etiquetas e tamén a xogar con el".

Concerto de presentación
O domingo 26, a partir das 20:00 horas, ofrecerase un concerto de presentación deste traballo no SCQ Café da rúa Orfas, e xa está dispoñible tamén para a escoita en iTunes, Amazon, Google Play e Spotify.

EMPA#01 contén cinco temas tradicionais, "Cantos de sega", "Carballesa", "Entroido de Mera/Gankino Horo", "Muiñeira de Barro" e a "Redonda de Lobeira", todos eles interpretados polo alumnado do Curso Maxistral da EMPA baixo a dirección e arranxos dos mestres Alejandro Vargas, Javier María López e Pablo Pérez Sanmamed. Gravado o 2 de xuño de 2017 nos estudos A Ponte de Santiago, con Tomás Ageitos como técnico de son e Dr.Chou na masterización, EMPA#01 pretende ser a primeira entrega dunha colección de periodicidade anual coa que afondar nos fundamentos e distintas posibilidades da música tradicional.

Neste 2017, contou cun grupo de intérpretes integrado por Laura Souto (frauta), Miguel Fontenla (piano), Martiño Cabarcos (sanfona), María G. Blanco (violino), Alba María Rodríguez (voz), Javier María López (frauta e guitarra), Alejandro Vargas (piano) e Pablo Pérez (contrabaixo).

A arte gráfica é de Ricardo Cabanelas (Reviravolta Design) sobre unha imaxe de Ugia Pedreira.

Compartir: