ACCIÓN CULTURAL

Andrey Zvyagintsev volve a Cineuropa con Nelyubov

22/11/2017 En 2014, o cineasta ruso Andrei Zvyagintsev acadou ducias de galardóns con Leviathan, un duro filme sobre a realidade social rusa que formou tamén parte da 28ª edición de Cineuropa. Con Nelyubov (Loveless) continúa afondando nas entrañas da clase media alta rusa a través do conflito dunha parella en proceso de divorcio que debe xuntar forzas para atopar ao seu fillo desaparecido. Na súa procura, topan cun Estado alleo aos requirimentos dos cidadáns. O Teatro Principal acolle ás 20:00 horas a proxección deste filme, que recibiu o gran premio do xurado de Cannes e o nomeamento á mellor película nos Premios do Cine Europeo.

A continuación, ás 22:15 horas, proxectarase, como xa é tradición, unha película sorpresa. O peche da xornada cinematográfica do festival chegará ás 00:15 h con Revenge, a ópera prima de Coralie Fargeat, una historia de vinganza que subverte os roles de xénero tradicionais, e que foi premiada á mellor dirección e dirección novel no Festival de Sitges.

A programación do Salón Teatro tamén contén varias citas de interese. Ás 18:15 horas dará comezo 1945, de Ferenc Török. Ambientado na Hungría da inmediata posguerra, o filme constrúe un relato sombrío dunha comunidade que se pecha en banda ante a chegada de dous xudeus dos que sospeita veñen reclamar as súas antigas propiedades. Ás 20:00 h chega Les affamés (Os famentos), de Robin Aubert, unha atípica historia de zombis con doses de humor negro que foi premiada no prestixioso Festival de Cine de Toronto.

Mansfield 66/67, de P. David Ebersol e Todd Hughes será, á partir das 21:45 h, a alternativa no Salón Teatro á película sorpresa do Principal. Segundo José Luis Losa, director de Cineuropa, a fita é "moito máis que un docu sobre a bomba loura que xurdiu como sucedáneo ou recambio posible de Marilyn Monroe, Mansfield 66/67 é obra autoral rica en lecturas: o levantamento de acta da defunción do star-system, a deriva de Jayne Mansfield como xoguete roto, a bacanal kitsch que podería subscribir Mark Rapaport. E, sobre todo, a lenda negra ou a trama de conspiración que rodeou a súa macabra morte, decapitada no seu coche deportivo".

Ao longo da xornada haberá máis citas cinematográficas pertencentes ás diferentes seccións que compoñen esta 31 ª edición de Cineuropa. A salientar, por exemplo, Un suelo lejano, de Gabriel Muro, un documental sobre a creación de Nueva Germania, unha comunidade rural supremacista fundada en Paraguai a finais do século XIX pola irmá e o cuñado do filósofo alemán Friedrich Nietzsche.

Direccións relacionadas



Compartir: