MOBILIDADE

O novo mapa de rutas do transporte público garantirá máis frecuencias e mellor cobertura

21/11/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade presentou hoxe en rolda de prensa o novo deseño da rede de transporte urbano, que esta tarde será analizado durante a reunión do Pacto Local pola Mobilidade. Jorge Duarte explicou que o obxectivo da nova configuración "é lograr unha rede mellor adaptada ás características da cidade, máis eficiente, con maior cobertura xeográfica e que permita captar novos viaxeiros".

O novo deseño da rede de transporte urbano, que se incluirá nos pregos do novo concurso para a concesión do servizo, é o resultado de "analizar por primeira vez cales son os principais puntos xeradores e atractores de viaxeiros, porque ata o de agora as rutas fóronse modificando para satisfacer necesidades puntuais sen avaliar estratexicamente todo o servizo, e iso fixo que as liñas se solaparan entre elas". Jorge Duarte incidiu en que o obxectivo último do novo mapa "é dignificar o transporte público, facer que o autobús sexa unha alternativa fiable para a veciñanza, independentemente de se dispón ou non de vehículo privado".

Unha rede máis simplificada
Jorge Duarte explicou que o obxectivo é pasar das 22 liñas existentes na actualidade a só 11 no ano 2020, "pero cubrindo un ámbito xeográfico aínda maior, e mellorando as frecuencias". O concelleiro de Mobilidade explicou que "esta transición farase de xeito progresivo, de xeito que en 2018 aínda teremos 15 liñas, porque existen catro liñas que seguirán dependendo da Xunta ata finais de 2019 por sentenza xudicial".

Das 11 liñas previstas para 2020, tres serán troncais "e cubrirán máis do 60% dos viaxeiros, e que terán unhas frecuencias de entre 10 e 12 minutos". Haberá outras tres liñas circulares, entre elas a denominada "liña 0" pola periferia da cidade histórica, con frecuencias de entre 20 e 30 minutos; e catro liñas radiais, cunha frecuencia de 30 minutos, "fronte aos 60 minutos ou máis que teñen algunhas rutas na actualidade". O mapa complétase cunha liña lanzadeira ao aeroporto, "compatible co servizo que presten outras concesións".

Transporte a demanda
A concesión destas liñas completarase co novo servizo de transporte a demanda para a zona rural, "con vehículos máis pequenos, que chegarán a todas as parroquias e que cubrirán as rutas nos horarios nos que se determine que existe demanda". Jorge Duarte explicou que será Tussa quen xestione este servizo de transporte a demanda, "que se está deseñando en función de cinco áreas rurais predeterminadas". O concelleiro de Mobilidade apuntou que "este modelo permitiranos chegar a todo o rural de Compostela, mesmo a puntos que polo volume de viaxeiros non son rendibles no servizo concesionado".

Nova flota de autobuses
Ademais de renovar o deseño das rutas, a nova adxudicación do servizo de transporte urbano permitirá "contar cunha nova flota de autobuses, que substituirán aos vehículos que están funcionando na actualidade e que están en mal estado". O prego prevé que a concesionaria teña que dispoñer de ata 60 autobuses, "apostando polos vehículos híbridos e/ou eléctricos, e esixindo maiores niveis de confort e accesibilidade". Segundo apuntou Jorge Duarte, o obxectivo é "contar con 21 autobuses novos ao longo de 2018, e outros seis máis en 2020".

O concelleiro de Mobilidade incidiu en que o prego "apostará polos vehículos híbridos ou eléctricos, que serán obrigados no caso da liña 0". Ademais, todos os autobuses deberán ter dobre rampla accesible, manual e eléctrica.

Compartir: