CONSORCIO

O prestixioso pianista escocés Steven Osborne toca esta semana coa Real Filharmonía de Galicia

20/11/2017 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro terá lugar o xoves 23 na súa sede, o Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. E o venres, a orquestra desprazarase á Coruña, onde tocará no Palacio da Ópera, tamén ás 20:30 horas. A batuta de ambos concertos levaraa o director titular e artístico da agrupación, o mestre británico Paul Daniel.

Os concertos comezarán cun fragmento da A miña patria, do compositor checo Bedrich Smetana (1824-1884). Trátase de seis poemas sinfónicos concibidos como obras individuais, cada un dos cales representa un aspecto da paisaxe rural, a historia ou as lendas de Bohemia. Nesta ocasión a RFG interpretará "O Moldava", que describe o curso deste río da República Checa. É a peza máis coñecida do autor e baséase na adaptación dunha antiga canción popular.

O virtuosismo de Steven Osborne
A continuación, o público terá a oportunidade de escoitar o Concerto para piano do compositor británico Michael Tippett (1905-1998), interpretado ao piano polo afamado e ecléctico pianista escocés Steven Osborne. Entre os seus numerosos premios destacan o de Instrumentista do Ano en 2013 concedido por The Royal Philharmonic Society, dous Premios Gramophone, tres Premios dos Críticos Alemáns e un "Choc" de Classica Magazine; ademais de "Elección do editor" en Gramophone e "Gravacións do ano" de The Daily Telegraph, The Guardian, The Times e Sunday Times.

Actuou nas salas máis prestixiosas e con boa parte das mellores orquestras de todo ou mundo, mesmo en Asia e Australia, dirixido por grandes mestres. É profesor visitante na Royal Academy of Music de Londres.

Guía de orquestra para mozos
A orquestra tocará ademais un novo fragmento da A miña patria de Smetana. Trátase de "Sárka", que recibe o título da guerreira amazona Sárka, da antiga lenda checa da Guerra das Doncelas.

Os concertos concluirán con Variacións e fuga dun tema de Purcell (Guía de orquestra para mozos), do compositor británico Benjamin Britten (1913-1976). É unha obra didáctica, que escribiu por encargo en 1946 para acompañar un documental chamado Os instrumentos da orquestra, dirixido á poboación escolar. A finalidade era que os estudantes aprendesen a recoñecer e distinguir os sons dos instrumentos da orquestra. O autor baseouse nun tema composto 300 anos atrás polo seu compatriota Henry Purcell. Este traballo resistiu o paso do tempo ata transcender o ámbito educativo e converterse nunha obra fundamental do repertorio de calquera orquestra sinfónica do mundo.

Charla previa co director Paul Daniel e co pianista Steven Osborne
Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Paul Daniel e co pianista Steven Osborne. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: