DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Santiago comparte no Congreso REDEL as experiencias locais en economía circular

17/11/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, participou esta mañá do Congreso "Retos e desafíos do desenvolvemento local" (REDEL) sobre a aplicación de novos modelos económicos ao eido local. O Congreso está dirixido a todas as entidades e profesionais que traballan por e para o desenvolvemento local, dende o ámbito público e privado, co obxectivo de analizar tendencias e compartir coñecemento e experiencias que se están a realizar nos municipios e comarcas participantes.

Na mesa técnica explicouse a implantación en Santiago de experiencias como a Tropa Verde, o Prestogal, a EDUSI ou o Santiauga, exemplos de modelos de economía circular na nosa cidade. O proxecto Tropa Verde, premiado ademais co Premio R de Ecoembes ou o Premio Boa Práctica en Desenvolvemento Urbano Sustentable no ano 2016, busca fomentar a reciclaxe e a reutilización e premia a conciencia ecolóxica da sociedade. Pola súa banda, o Prestogal aposta polo consumo colaborativo, o intercambio e a cesión de recursos entre veciños e veciñas. A EDUSI compostelá é unha estratexia de desenvolvemento urbano sustentable que incorpora medidas para mellorar a accesibilidade ou a habitabilidade urbana e, finalmente, o Santiauga, proxecto que naceu para fomentar o consumo da auga da billa, que conta en Compostela coa certificación ISO 22000 de seguridade alimentaria e control da inocuidade da auga potable.

Máis autonomía local
Marta Lois reivindicou máis autonomía para os Concellos, xa que "as administracións locais xestionamos en España un 13% do gasto público fronte ao 60% dos países nórdicos". Ademais, destacou que "o eido local e as cidades viven a contradición entre o grao de desafíos (desigualdade, xestión de fluxos, etc.) e o grao de competencias".

O Congreso contou con persoas expertas de primeiro nivel nestas áreas, como a investigadora Miren Estensoro García ou Carlos Trías, conselleiro do Comité Económico e Social Europeo; e con algunhas das experiencias máis interesantes que se están a desenvolver neste momentos. En total participaron 217 persoas.

REDEL
No documento base para a constitución de REDEL, esta defínese coma unha rede de entidades expertas en desenvolvemento local que traballa para a mellora continua das organizacións a través da reflexión, da xestión do coñecemento e da colaboración, buscando o recoñecemento e a posta en valor a nivel técnico e político do desenvolvemento local e a súa proxección a nivel internacional.

O obxectivo de REDEL é reflexionar sobre aspectos clave no desenvolvemento local como políticas económicas e industriais, competitividade, innovación, coñecemento, políticas activas de emprego, inserción laboral, etc., para construír un modelo dende unha identidade común. REDEL tamén se configura como un instrumento para exercer influencia ante entidades públicas e privadas coa finalidade de impulsar o desenvolvemento local e comarcal; deseñar, desenvolver e executar proxectos; e intercambiar experiencias e coñecementos para innovar e incrementar a eficacia das entidades locais.

O Concello de Santiago, a través da Oficina de Promoción Económica, é o único participante galego no grupo. Os outros membros do grupo son: Móstoles Desarrollo, Promálaga, Centro de Iniciativas Municipales de Murcia, Valencia Emprende, Barcelona Activa, Àrea de Desenvolupament Econòmic i Ocupació da Diputación de Barcelona, Asociación Vasca de Agencias de Desarrollo, Getafe Iniciativas, ImpulsAlicante, Instituto Leonés de Desarrollo Económico, Formación y Empleo, Instituto Municipal de Desarrollo y Empleo de Córdoba, PalmaActiva, Ayuntamiento de Medina del Campo e a Sociedad para el Desarrollo de la Provincia de Burgos.

Compartir: