PLENO

O Pleno da Corporación estrea novo regulamento

16/11/2017 Esta tarde celebrouse o Pleno ordinario do mes de novembro, o primeiro no que se aplica o novo regulamento aprobado por unanimidade da Corporación. A súa redacción substitúe á que entrara en vigor en 2007, e foi o resultado do traballo dunha comisión na que estiveron representados os catro grupos políticos municipais.

O obxectivo do novo regulamento é que os plenos sexan máis áxiles e participativos. Unha das principais novidades ten que ver coa limitación dos asuntos a abordar en cada sesión. Así, cada grupo municipal poderá presentar dúas proposicións, catro mocións e unha moción de urxencia (a computar dentro das catro mocións). Os grupos tamén poderán presentar tres rogos, tres preguntas e unha interpelación, Esta é unha nova figura, non contemplada no anterior regulamento.

Ademais, as preguntas escritas que non sexan respondidas polo Goberno poderán ser convertidas en preguntas orais que deberán ser respondidas no pleno. Tamén se acurtan os tempos de intervención dos concelleiros e concelleiras nos debates, co obxectivo de conseguir unha maior axilidade.

Modificativo de crédito
O Pleno da Corporación tamén aprobou hoxe dous expedientes modificativos de crédito. O primeiro deles, por un importe total de 236.552,41 euros, ten como obxectivo afrontar o pago das horas extraordinarias ao persoal do servizo de extinción de incendios e máis unha sentenza firme en relación ao prezo xusto da expropiación dunha parcela do SUNP-5 da Muíña. O segundo expediente, por un importe de 327.976,81 euros, permitirá afrontar un novo pagamento á mercantil Extraco derivado da sentenza polo parque comarcal de bombeiros; e tamén facer unha achega extraordinaria a Incolsa.

Os expedientes modificativos de crédito contaron co voto a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG, e coa abstención do PP.

Compartir: