ESPAZOS CIDADÁNS

Xerardo Estévez coordinará os proxectos de mellora dos Camiños, impulsados pola Xunta e o Concello

15/11/2017 O arquitecto e exalcalde de Santiago Xerardo Estévez será o coordinador dos traballos enmarcados no protocolo asinado entre a Xunta e o Concello compostelán para a mellora e integración paisaxística dos Camiños de Santiago, nos tramos que discorren pola capital galega. Así se anunciou hoxe, no marco da reunión da comisión de seguimento dese acordo, que estivo presidida pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte. A xuntanza serviu tamén para analizar o estado no que se atopan os proxectos previstos, que lle afectan aos Camiños Francés, Portugués e Inglés.

O concelleiro mostrou a súa satisfacción pola designación de Xerardo Estévez, "unha persoa que coñece moi ben a cidade, que ten traballado sobre os Camiños, e que porá o seu coñecemento ao servizo das administracións para que a solución arquitectónica a máis acaída". Jorge Duarte mostrouse convencido de que o arquitecto conseguirá "poñer as bases para homoxeneizar o tratamento das rutas xacobeas para que sexan recoñecibles, mesmo nos lugares nos que agora fican máis ocultas".

Na mesma liña, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda salientou que "a designación de Xerardo Estévez suscitou a unanimidade de Xunta e Concello, en responde á proposta que fixo a empresa adxudicataria da redacción dos proxectos".

As obras do Camiño Inglés, en 2018
Ethel Vázquez lembrou que xa está asinado o contrato para a redacción de catro proxectos construtivos que lle afectan ao Monte do Gozo e a Concheiros, no Camiño Francés; a Conxo, no Camiño Portugués, e á entrada do Polígono do Tambre, no Camiño Inglés. Segundo as previsións da conselleira, "o proxecto do Polígono do Tambre debe estar redactado no primeiro trimestre de 2018, para que as obras arranquen ao longo do próximo ano". Os catro proxectos deberan estar executados antes do Ano Santo de 2021.

O Concello actuará na Vía da Prata
O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade agradeceu a disposición da Xunta para investir 5 millóns de euros na mellora dos tramos composteláns dos Camiños de Santiago, e salientou que o propio Concello de Santiago complementará estes proxectos actuando na Vía da Prata. Así, Jorge Duarte lembrou que "o Goberno local vai investir tres millóns de euros nos próximos anos, na mellora de Patio de Madres e Castrón Douro, e nunha actuación na Ponte de Sar". O edil recoñeceu que "os tramos composteláns das rutas xacobeas estiveron historicamente desatendidos, e é preciso que Xunta e Concello de Santiago sigan colaborando para corrixir esas eivas e abordar de xeito continuado e coordinado o mantemento e a sinalización dos Camiños de Santiago".

Compartir: