TURISMO

Este domingo remata a décima edición de Santiago(é)tapas cunha oferta de máis de 100 tapas

15/11/2017 As persoas afeccionadas a gastronomía teñen ata este domingo a oportunidade de probar ás mais de 100 tapas que ofertan os 70 locais participantes na décima edición de Santiago(é)tapas, o concurso de tapas de Santiago, coorganizado por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela.

A resposta do público nesta décima edición está sendo moi positiva, na liña xeral do concurso nos últimos anos. Nesta última semana tívose que facer unha nova impresión de Tapasportes, xa que se acabaron os 10.000 que se imprimiron para o comezo do concurso.

Nesta décima edición de Santiago(é)tapas introducíronse dúas novidades, co obxectivo de facer máis sinxela a participación no concurso. Modificouse o Tapasporte, que pasou de ser un libriño a ser un despregable similar á credencial do Camiño. E ampliouse o número de rutas de tapas de cinco a seis, de tal xeito que fose máis sinxelo rematar unha ruta ao contar con menos locais.

Ademais, nesta edición, as rutas noméanse cos diferentes Camiños de Santiago: Camiño Portugués, Camiño Sueste, Camiño Primitivo, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño Inglés e Camiño Francés. Deste xeito faise máis patente o vínculo orixinario de Santiago(é)tapas entre a peregrinación a Santiago e unha peregrinación gastronómica polos locais da cidade.

A décima entrega do concurso continúa mantendo un número moi elevado de locais participantes, neste caso 70, que ofertan 101 tapas distintas, todas a un prezo único de dous euros e medio. O público participante poderá puntuar as tapas que probe, así como a experiencia global no local. Entregaranse premios ao público en función do número de rutas completadas.

Por terceira edición consecutiva, Santiago(é)tapas está organizado de modo conxunto por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela, nun modelo de coparticipación entre o Concello e o sector privado da cidade. Este ano conta por primeira vez con Mahou como patrocinador principal e co patrocinio xa tradicional de Cash Récord e Coca Cola. Conta tamén coa colaboración institucional da Deputación da Coruña.

Direccións relacionadas



Compartir: