IGUALDADE

Asinado o protocolo para a campaña "Contra as violencias machistas", na que participan 75 concellos e tres deputacións

15/11/2017 O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá o acto de sinatura do protocolo para a campaña En negro contra as violencias machistas, ao que asistiron representantes de 60 dos 75 concellos e deputacións adheridos.

O acto comezou cunha foto de familia na praza do Obradoiro e continuou coas intervencións no Salón Nobre, conducidas pola concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois, quen agradeceu a asistencia e destacou "a gran potencia do municipalismo galego e os froitos que nos dan a colaboración e o traballo en rede entre todos e todas. Mais tamén abre un momento de reivindicar un pacto social e político real contra as violencias machistas".

Pola súa banda, a deputada da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Sonsoles López, destacou a implicación de toda a provincia de Lugo, "con catorce concellos que se sumaron á campaña" e lembrou os "espeluznantes datos" de violencia machista en Galicia e no Estado, pedindo "nin unha muller máis" asasinada.

Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, definiu a campaña como a "imaxe dese combate e denuncia contra unha situación que non pode continuar máis. É por iso temos que sumar forzas".

O rexedor de Manzaneda, Félix Domínguez, apostou polo local asegurando que "dende os concellos temos que loitar contra todas as formas de desigualdade".

Para a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso, son importantes campañas deste tipo para "facerlle ver a homes, mais tamén ás mulleres que nos rodean, que non somos propiedade de ninguén".

A alcaldesa de Sarria, María Pilar López, asegurou que, para ela, era unha "gran satisfacción ver que nenos e nenas de todos os deportes en Sarria acudiron en masa a transmitir que a solución a tan grave problema social está na nosa man".

A rexedora de Tomiño, Sandra González, quixo lembrar "as bágoas dunha muller que acudiu á Alcaldía. Esa historia rematou ben, pero das que non o fan están cheos os xornais", dixo, poñendo o foco en que "a violencia non se chega da noite para a mañá".

Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas, asegurou que o feito de que haxa 75 concellos e 3 deputacións "chama a atención porque amosa que as administracións máis próximas á cidadanía estamos preocupadas por esta lacra social".

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosou a súa "ledicia" porque "cada ano somos máis" e reivindicou o feminismo como "unha ferramenta que se creou para loitar contra a desigualdade".

Finalmente, Martiño Noriega quixo agradecer o "esforzo feito por todas e todas ao abandonar as obrigas diarias e participar deste acto". Noriega lembrou que "a campaña naceu no 2015 como unha maneira de tecer redes e desbordou as expectativas porque a propia xente a fixo súa".

O acto rematou coa sinatura do protocolo no salón verde do Concello por parte dos alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras presentes.

Sensibilización cidadá
Os obxectivos da campaña pasan por fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal a través da coordinación entre concellos de diferentes cores políticas, ademais de implicar ao tecido asociativo, económico, cultural, educativo e social como forma de resposta colectiva ante as violencias.

O uso de materiais específicos da campaña por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais axudará a identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: