POLÍTICAS SOCIAIS

Compostela sumouse á conmemoración do Día Mundial da Diabetes

14/11/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, visitou os postos informativos e de diagnose instalados na praza do Toural con motivo da celebración do Día Mundial da Diabetes. Alí hai unha carpa da Asociación Compostelá de Diabéticos, onde se poden facer análises para medir o nivel de azucre, e outra do Instituto Oftalmolóxico Gómez Ulla, onde se analiza a retinopatía diabética. Os espazos permanecerán abertos ata as 21:00 horas deste martes.

A propia Concha Fernández realizou a proba de medición de azucre en sangue e logo unha revisión ocular. Despois, a concelleira conversou coa presidenta da Asociación Compostelá de Diabéticos, Teresa Lord, sobre diferentes aspectos da campaña de concienciación sobre a diabetes.

Pola tarde, entre as 17:00 e as 19:00 horas, pasarán polas carpas do Toural personaxes da saga Star Wars, que tamén animarán e concienciarán sobre a diabetes. Ás 18:45 horas lerase o manifesto do Día Mundial da Diabetes e, a continuación, formarase unha cadea humana dende a carpa no Toural ata a Catedral, para rematar co prendido da torre do reloxo cunha luz azul, a cor da diabetes.

Calcúlase que hai case 200 millóns de persoas afectadas pola diabetes en todo o mundo. O número de persoas afectadas podería aumentar ata o dobre nos vindeiros 30 anos. Esta doenza é a novena causa de morte máis estendida entre as mulleres.

Só un médico pode detectar ou diagnosticar a diabetes, polo que cómpre facer unha análise polo menos anual, para detectar a enfermidade.

Compartir: