ACCIÓN CULTURAL

O actor Leonardo Sbaraglia recolle o Premio Cineuropa

13/11/2017 Este martes preséntase intenso en canto a citas cinematográficas. Ás 20:00 horas terá lugar a entrega do Premio Cineuropa ao actor arxentino Leonardo Sbaraglia; ás 22:30 h celebraranse dúas estreas galegas no Salón Teatro e no Teatro Principal e, ao longo da xornada, realizaranse presentacións e coloquios de varios filmes galegos que están a acadar un éxito notable de público e crítica.

O festival Cineuropa premia a Leonardo Sbaraglia pola súa traxectoria de máis de 30 anos e 52 longametraxes mediante os cales, segundo José Luis Losa, director deste festival, o actor "alcanzou unha madurez á vez serena e impúdica". O acto celebrarase ás 20:00 horas no Teatro Principal e estará seguido pola proxección do último filme do arxentino, El otro hermano, de Israel Adrián Caetano, que lle valeu o premio ao mellor actor no Festival de Málaga deste 2017. A entrada á cerimonia e á proxección será gratuíta previa retirada de convite no despacho de billetes do Teatro Principal.

Ás 16:30 horas comezarán as presentacións de diferentes filmes. O encargado de introducir o primeiro filme, No te olvides de mí, de Fernanda Ramondo, será o mesmo Sbaraglia, que protagoniza unha road movie de personaxes desarraigados que constrúen una particular familia. Ás 17:30 h presentaranse en Numax dúas propostas protagonizadas por mulleres fortes en mundos pouco propicios para o empoderamento feminino. Trátase de Matria, de Álvaro Gago, e O tempo futuro, de Xoan Escudero. A primeira, unha historia sobre o falso mito do matriarcado galego, vén de gañar o premio á mellor curta española na Seminci de Valladolid. A segunda, un documental sobre Bárbara Iglesias, a primeira piloto de bobsleigh a nivel estatal, acadou o premio do público á mellor longametraxe galega no festival Primavera do Cine de Vigo. Ambos os dous directores parolarán cos asistentes sobre os seus traballos.

Interesante será tamén a presentación de Vigo 1972 a cargo do seu director, Roi Cagiao. O documental narra a folga de case trinta mil traballadores vigueses que puxo á cidade olívica no foco informativo a nivel internacional en plena ditadura franquista.

Por último, non debemos esquecer a estrea de Cuori puori (Corazón puro), que vén a Cineuropa co premio á mellor actriz do Festival de Cine de Sevilla baixo o brazo. A estrea galega terá lugar ás 22:30 horas no Salón Teatro. Á mesma hora, pero no Teatro Principal, pasarase por vez primeira o novo de Claire Denis, Un beau soleil intérieur (Un sol interior), unha historia amor e humor protagonizada por Juliette Binoche.

Direccións relacionadas



Compartir: