CONSORCIO

O director da Orquestra da Comunidad de Madrid, Víctor Pablo Pérez, dirixe esta semana por primeira vez a Real Filharmonía de Galicia

13/11/2017 A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal de abono este xoves ás 20:30 horas na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia. A batuta levaraa o mestre Víctor Pablo Pérez, actual director da Orquestra e Coro da Comunidade de Madrid. Os músicos estarán acompañados polo Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, que dirixe Joan Company.

O director burgalés Víctor Pablo Pérez, formado en Madrid e Alemaña, xa foi sinalado dende os seus comezos como un dos grandes e precoces valores españois no campo da dirección de orquestra. Foi director titular e artístico da Orquesta Sinfónica de Asturias, Orquesta Sinfónica de Tenerife e da Orquestra Sinfónica de Galicia, á que dirixiu durante 20 anos e da que é director honorario. Ademais de dirixir con frecuencia a práctica totalidade das orquestras españolas, é convidado por diferentes formacións de Alemaña, Gran Bretaña, Francia, Italia, Polonia ou Noruega; e tamén levou a batuta da Orquestra Sinfónica de Xerusalén.

Entre as súas distincións destacan dous Premios Ondas (1992 e 1996), Premio Nacional de Música (1995), Medalla de Ouro ás Belas Artes (1999), Director Honorario da Orquesta Sinfónica de Tenerife e Académico correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando (Madrid).

Unha sinfonía de Schumann e o Réquiem de Cherubini
O concerto comezará coa Sinfonía nº 4 do compositor alemán Robert Schumann (1810-1856), considerado un dos grandes representantes do Romanticismo musical. Interpretarase a versión de 1851. A orixinal, que o autor escribiu en a penas catro meses, é de 1841, pero modificouna posteriormente.

A continuación, o público terá a oportunidade de gozar do Réquiem nº 1 do italiano Luigi Cherubini (1760-1842), composto en 1815 e estreado en memoria do monarca guillotinado Luís XVI. Beethoven considerábao o mellor réquiem xamais escrito e precisamente tocouse na súa memoria en Viena poucos días despois da súa morte. Nesta ocasión será interpretado polas voces do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Máis de setenta voces interpretarán o Réquiem
O Coro da OSG, fundado en 1998, está integrado por máis de setenta voces procedentes de toda Galicia. Desenvolve unha intensa actividade artística, centrada nos repertorios sinfónico-coral, operístico e a capella. Joan Company, director do grupo desde a súa creación, é tamén director artístico do proxecto coral da Sinfónica de Galicia, composto ademais polo Coro Novo e os Nenos Cantores. Actúa con frecuencia nos principais escenarios e auditorios de toda a comunidade galega, á vez que realizou xiras de concertos fóra de Galicia e en Portugal.

No seu extenso e variado repertorio destaca a súa especial dedicación á música sinfónico-coral de Bach, Vivaldi, Haydn, Mozart, Beethoven, Schubert, Brahms, Mahler, Mendelssohn, Shostakóvich, Puccini, Fauré, Orff, Debussy, Britten, Garcia Abril, Rossini ou Stravinski. Ademais, dedica boa parte da súa actividade á ópera, tanto en versións escénicas como en versión de concerto de grandes títulos do repertorio clásico. Cantou sempre baixo a dirección de grandes mestres de renome internacional.

Charla previa co director Víctor Pablo Pérez
Antes da celebración do concerto, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Víctor Pablo Pérez. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: