POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello quere impulsar o Centro de Atención Integrada ás persoas sen fogar dentro deste mandato

10/11/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, abriu esta mañá a II Xornada sobre a situación das persoas sen fogar en Compostela: Recursos Específicos, no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, onde manifestou que "a desprotección vai avanzando por causa dos recortes sociais e por iso para este Goberno é prioritario abordar a situación das persoas sen fogar". Concha Fernández asumiu que "é preciso seguir traballando a prol do acceso á vivenda e combater a estigmatización que sofren estas persoas; eliminar esa liña imaxinaria que os separa do resto da cidadanía e deixar de pensar que iso non nos pode pasar a nós".

Concha Fernández pediu a corresponsabilidade das outras administracións para poñer en marcha políticas públicas eficaces e anunciou que o Concello está traballando co obxectivo de impulsar o Centro de Atención Integrada ás persoas sen fogar e que estea construído antes de que remate este mandato. Por este motivo decidiuse dedicar a xornada deste ano aos recursos específicos e convidar a expertos que traballan noutros territorios a compartir os seus modelos e experiencias.

O coordinador do Plan de Loita contra o Senfogarismo de Barcelona 2016-2020, Albert Sales, foi o encargado do primeiro relatorio, no que empezou explicando que as persoas sen fogar non son un colectivo, senón persoas con moi diversa casuística ás que non se pode aplicar unha receita que funcione para todo o mundo. Sales asegurou que "o problema do senfogarismo é un problema de vivenda; as persoas precisan dun espazo propio que lles dea estabilidade, onde teñan intimidade para reconstruírse; isto é moito máis importante que as axudas económicas ou o traballo para axudalos a volver a unha vida normalizada". Neste sentido apuntou á Lei estatal de Arrendamentos Urbanos como principal obstáculo, aínda que tamén repercute negativamente a Lei de Estranxeiría, porque son os fluxos migratorios os que xeran grande parte das situacións de exclusión.

Sales mostrouse pesimista ao declarar que, na súa opinión, "nos próximos anos a situación económica e de desprotección social deixará a máis xente na rúa por moi ben que o fagamos, así que só podemos aspirar a xestionar mellor o problema, pero será difícil acabar con el". Sales foi crítico co modelo Housing First que se está replicando en moitos territorios e instou ás administracións a frear a especulación en vivenda e poñer en marcha a maquinaria para promover un parque de vivenda social amplo onde poder acoller a estas persoas. Por último, mostrouse partidario de abrir centros de recursos específicos para cada grupo social: mulleres, mocidade, familias, parellas, xente con problemas de saúde mental… que permitan abordar con eficacia as distintas problemáticas e mellorar a convivencia e o intercambio entre estas persoas dentro dos centros.

Na seguinte mesa, Marco Antonio Luengo, director da área de Promoción Social do Concello de Avilés puxo o foco no traballo comunitario que se desenvolve nos barrios da cidade asturiana dende hai 12 anos, apelando á atención integral pero en contra dos centros integrais, en sintonía co expresado anteriormente por Sales, defendendo a creación de recursos específicos para cada grupo social. Luengo presentou datos que comproban que na maioría dos casos os transtornos mentais severos que sofren as persoas sen fogar son anteriores á súa chegada á rúa, polo que apuntou á corresponsabilidade dos distintos departamentos (saúde, vivenda…) para lograr actuar antes.

Luengo explicou que en Avilés puxeron en marcha o modelo Housing First, que en España tutela a Fundación Rais, pero adaptándoo á situación concreta desta cidade e contando coa participación das entidades sociais e das propias persoas sen fogar. Neste momento contan con cinco pisos e queren poñer en marcha outros cinco. As vivendas adxudícanse cun criterio de idoneidade segundo o tamaño e as necesidades de cada caso e baixo un modelo de baixa esixencia na que non teñen que comprometerse a ningún tipo de cambio, simplemente atender unha visita semanal do equipo, respectar as regras de convivencia cos veciños e pasar unha avaliación cada seis meses.

Pola súa parte, María Rosario Jiménez, responsable do Albergue de Zaragoza, explicou que nesta cidade plantexaron unha política integral dende a perspectiva da vivenda en colaboración co instituto Zaragoza Vivenda, dende onde desenvolven traballo coordinado cos servizos sociais para atender as persoas que están na rúa e tamén a familias en situación de chabolismo, mediante un programa no que traballan xa dende hai 20 anos. Jiménez apuntou que un dos obxectivos de cara ao futuro é poñer en marcha un centro de convalecentes para as persoas vulnerables que saen do hospital e non teñen onde quedar. Por último, recordou que no ámbito dos recursos tamén é preciso prever a vellez e a morte destas persoas que levan moitos anos en situación precaria nas rúas.

Aínda na sesión matinal, Íñigo Parga falou dos recursos de baixa esixencia que se empregan no Centro de Día de Onartu, en Bilbao, que empezou a funcionar na crise dos 80 e onde acaban de replantexar toda a súa metodoloxía para "poder atender as necesidades reais das persoas que están na rúa, evitando no posible os protocolos anteriores e ofrecendo acceso inmediato para quen o solicita sempre que haxa prazas libres, con moita flexibilidade, moi enfocados a xerar bos vínculos, sen esixir que estean empadroados, deixando que veñan ao centro coas súas mascotas e sen dirixir as súas vidas; en definitiva, tratando a estas persoas como trataríamos a calquera outra persoa do noso entorno, valorando as súas necesidades e respectando as súas decisións".

Modelo luso e recursos galegos
A sesión de tarde xirou arredor da estratexia para as persoas sen fogar que acaba de aprobar Portugal e que foi presentada por Paulo Martins, psicólogo no programa Casas Primeiro, xestionado pola AEIPS (Associaçao para o Estudo e Integraçao Psicossocial).

A continuación presentáronse os recursos locais que se destinan á atención do senfogarismo en distintas cidades galegas. Na mesa estiveron Ana María González, tenente de alcalde de Lugo, que presentou o traballo que se realiza no Centro de Atención a Transeúntes; Teresa Regueira, traballadora social do Concello da Coruña, que atende o Centro de Baixa Esixencia en Monte Alto; e Paz Fernández, xefa dos Servizos Sociais do Concello de Vigo e responsable do Albergue Municipal desta cidade. As tres técnicas coincidiron en sinalar a situación especialmente complicada na que se atopan as mulleres que están na rúa, que son menos (en torno a un 20% do total a nivel estatal) pero que teñen que facer fronte a situacións de maior desprotección soportando insultos, acoso sexual, agresións, embarazos non desexados… En concreto no albergue de Vigo, segundo indicou Paz Fernández, decidiron "adaptar as instalacións para proporcionarlles ás mulleres un espazo de protección e intimidade para evitar que sufran situación de risco". Tamén concordaron na necesidade de cambiar o antigo modelo de atención porque segundo manifestou Teresa Regueiro "cómpre unha atención máis áxil, máis específica e máis intensa".

Ao remate da xornada, proxectouse a curtametraxe documental Invisibles, elaborada por participantes en proxectos para persoas sen fogar de Cáritas Diocesana de Cádiz e Ceuta; coordinada por Luis Miguel Bulpe e financiada pola Consejería de Sanidad y Bienestar Social da Junta de Andalucía. Ao remate abriuse un debate moderado por Isabel Quintairos, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Compartir: