ACCIÓN CULTURAL

Cineuropa premia ao director Manuel Martín Cuenca

10/11/2017 Este sábado 11 darán comezo as grandes homenaxes do festival coa entrega do Premio Cineuropa 2017 ao almeriense Manuel Martín Cuenca. O cineasta, nado en 1964, comezou a súa carreira como axudante de dirección de Felipe Vega, José Luis Borau, Icíar Bollaín e José Luis Cuerda. Xunto ao cinema, dedícase tamén á formación; impartiu clases na Escola Nacional de Cinema de San Antonio de Baños (Cuba), e actualmente traballa na Universidade Carlos III de Madrid.

En 1990 comezou a rodar curtas, pero foi en 2001 cando destacou como documentalista coa estrea de El juego de Cuba (2001), peza que narra a historia cubana a través do seu deporte nacional: o béisbol. Despois virían as ficcións como La flaqueza del bolchevique (2003), nomeada a dous Goya e gañadora da estatuíña á mellor actriz (María Valverde); Malas temporadas (2005); e O Tesouro (2008), filme rodado en Galicia con actores galegos e a participación de Vaca Films. En 2009 volve ao documental con Últimos testigos (2009), peza de dous documentais sobre a historia recente de España contada por dous testemuños privilexiados: Manuel Fraga e Santiago Carrillo. En 2010, con La mitad de Óscar, conseguiu un espazo no cine de culto estatal cunha historia sobre a soidade que, segundo José Luis Losa, "pide urxente revisitación".

O éxito a nivel internacional viríalle con Caníbal (2013), considerado todo un exemplo de thriller de autor, co que acadou os premios en San Sebastián (mellor fotografía), nos Goya (mellor fotografía e oito nomeamentos) e en Toulouse Cinespaña (mellor actor e mellor guión).

Tras a cerimonia de entrega do premio, proxectarse o seu último filme, El autor, que vén de gañar o Premio FIPRESCI no Festival de Cine de Toronto. A película está protagonizada polo galego Javier Gutiérrez, que interpreta a un oficinista gris e sen talento na procura de escribir unha gran novela na adaptación cinematográfica da novela de Javier Cercas El móvil. A entrada á entrega do Premio Cineuropa a Manuel Martín Cuenca será gratuíta previa retirada de convite no despacho de billetes do Teatro Principal.

Documentos relacionados



Compartir: