ALCALDÍA

A Asociación de Municipios do Camiño integra xa a 81 dos 125 concellos do itinerario francés

10/11/2017 A Asemblea Xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS), celebrada este venres en Compostela, aprobou a incorporación de 22 novos concellos. Entre os novos membros están concellos como de Pamplona, Arzúa, Pedrafita do Cebreiro, Samos, Sarria, Palas de Rei ou Cacabelos, que completan unha lista que xa chega a 81 concellos dos 125 polos que pasa o Camiño Francés.

O alcalde Martiño Noriega deu a benvida sinalando que "como anfitrións, exercemos como verdadeiro porto de mar e animámosvos a desfrutar de Santiago, punto de encontro dos camiños". Noriega destacou a gran colaboración existente entre os concellos que integran a rede, dotándoa dun "carácter único, innovador e que reflexa a policromía e a diversa do propio Camiño e de Compostela".

O presidente da AMSC e alcalde de León, Antonio Silván, destacou o seu "carácter e o ADN integrador e aberto, necesario para unir esforzos na promoción do Camiño". Pola súa banda, o secretario da Asociación e alcalde de Astorga, Arsenio García, falou da necesidade da coordinación entre administracións para "non converter o Camiño nun simple maremágnum de boas intencións"

Tras a Asemblea clausurada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrouse unha recepción oficial no Concello para os municipios asistentes.

Acordos da II Asemblea Xeral
Ademais da adhesión de 22 novos concellos, na II Asemblea Xeral aprobouse a nova imaxe corporativa da asociación e a adxudicación dos servizos administrativos e técnicos, que permitirán un "salto cualitativo no funcionamento", en palabras do secretario da AMCS e alcalde de Jaca, Juan Manuel Ramón. Tamén se aprobaron as contas do último exercicio, así como o orzamento para 2018 e a presentación da candidatura ao programa europeo Sudoe 2018, na procura de novos recursos e cooperación directa con institucións e socios de Francia e Portugal. Outro dos acordos foi o relativo á creación do comité científico da asociación.

A Asociación de Municipios do Camiño de Santiago constituíse e novembro de 2015 co obxectivo de establecer relacións de cooperación entre concellos do Camiño francés e colaborar con entidades locais, autonómicas e estatais en proxectos de interese común e de promoción.

Nestes dous anos, a AMCS realizou accións dirixidas a realzar o valor do Camiño francés como patrimonio histórico, artístico e cultural, prestando toda a atención necesaria ao seu coidado, limpeza, mantemento e mellora dos servizos para os peregrinos.

Compartir: