ACCIÓN CULTURAL

O ciclo #CapitalBlues trae a Santiago de Compostela a Nikki Hill e Ash Grunwald

10/11/2017 O vindeiro domingo, 12 de novembro, a artista de San Luis (Missouri) Nikki Hill volverá encher o escenario da Sala Capitol de soul, rock e rythm and blues. É o segundo concerto de Hill en Compostela tras unha primeira visita en 2014 na que xa deu mostra do bo facer musical desta artista, á que atribúen influencias de grandes referencias do R&B como La Vern, Ruth Brown e Etta James e a na que tamén atopamos pegada da fereza e enerxía de Little Richard. A súa actuación forma parte do ciclo de concertos #CapitalBlues, que conta co apoio da Concellaría de Acción Cultural e que tamén traerá á cidade en decembro ao músico australiano Ash Grunwald.

Ambos concertos, que teñen como sede a Sala Capitol, contan co apoio do Concellaría de Acción Cultural e foron presentados esta mañá pola concelleira Branca Novoneyra e o director de programación da sala, Antonio Borrazás.

Branca Novoneyra explicou esta colaboración como froito da vontade de fornecer á veciñanza dunha completa axenda cultural que se reforza no ámbito musical coa celebración destes concertos, que procuran xerar novos públicos para o blues en Compostela.

Pola súa banda, Antonio Borrazás puxo en valor o apoio do Concello nesta iniciativa, que trata de consolidar unha axenda estable para o público de blues a través da presentación de novas e novos artistas que actualizan e revivifican o xénero.

As entradas para o concerto de Nikki Hill xa están á disposición do público cun prezo de 18 euros (máis gastos de xestión) en venda anticipada, e de 23 euros o día do concerto. Poden ser adquiridas en Ticketea, A Reixa Tenda, e Elepé Vigo, ademais do despacho de billetes da Sala Capitol.

Ash Grunwald ocupará o escenario da Capitol o xoves 7 de decembro ás 21:00 horas. O músico australiano, de xira por Europa para presentar o seu último traballo, fai parada en Compostela para achegarnos un adianto do que será o seu décimo disco. Grunwald ofrece un dos directos máis respectados do seu país e conta coa admiración de público e crítica. Ten actuado con artistas como James Brown, The Black Keys, Jack Johnson, Bo Diddley, The Cat Empire, Missy Higgins e Pete Murray.

As entradas para este concerto teñen un prezo de 12 euros (máis gastos de xestión) en venda anticipada e de 18 euros o día do concerto, polas mesmas canles.

Compartir: